Opinión

Vaca

De maior quero ser vaca. Pero vaca da Azores. Mmmmm. Ben pensado... creo que non vai poder ser. Xa son maior e non levo trazas da mutación e debería ser esta cousa lenta, non como a cascuda de Kafka, que como era bicho pequeneiro abondoulle cunha noite. En fin. Voume poñer orientalista risquiano exquisito e quero ser vaca, non astral das que eles falaban, senón vaca leiteira nas Azores noutra reencarnación. 

Ben ven vostedes como insisto no das Azores, sine qua non para desexar a condición vacúa. Para ser un “Bos primigenius taurus”, pero femia, claro. Que nisto dos nomes científicos, que eu saiba, hai un nome para macho e femia. O xénero  “Homo sapiens sapiens” inclúe ás mulleres. Non hai, creo, unha especie distinta, a “Mulier sapiens sapiens”.  E dicir “Homo et Mulier sapiens sapiens” restaría da condición de “sapiens” polo inútil da redundancia. Sería como dicir “todos os felinos e os gatos” teñen uñas retráctiles.

En fin, torno ao rego que vou escorregar nesta, chamésmolle, bosta. Andáballes falando das Azores e das vacas. Eu, si señores, a min pétame chamarlles as Azores en feminino aínda que os irmáns do sur o fagan en masculino e digan Os Açores. E chámolles  así, as Azores, en feminino porque o asimilo a illas. Como se digo “As Canarias” ou “As Baleares” ou “As Cíes” “As Sheychelles”, ou “As Malvinas”, e por máis que mato a cabeza non topo illas macho. Ademais, aínda que na súa bandeira autonómica levan unha ave rapaz, a verdade é que a orixe do nome está máis confusa do que parece. O certo é que nunca houbo azores nas illas. E é pouco probable que os portugueses confundiran naquela altura dos 1430 unha gaivota, por exemplo, cun azor. Por iso hai quen lle dá orixe italiana ao nome e vincúlao con Azzurro -azul- e sería algo así como “As illas dos azuis”, polas cores do mar ou dun lique que se usaba como tinte. E certo que os italianos andaban bastante por eses mares, e foron eles dos primeiros visitantes das illas Canarias -o nome vén de can que non de paxaros, que estes si, tomaron o nomes das illas- e puxéronlle os italianos nome, incluso, a Lanzarote, por causa do seu descubridor, Lanceloto Malocello, xenovés do século XIV. Pois se cadra é certo iso dos Azules, “azorres” en xenovés. Ou non. Pero nada ten que ver coas vacas. E, abilloei, volvamos a elas.

Que por que pode querer algúen ser vaca e vaca das Azores? Pois fagamos algo de historia. No século XIV cando chegaron os portugueses -que xa hai que estar medio tolo para tirar mar adentro naquelas cousiñas, a ver que topaban por aí-, chegaron a unhas illas esparexidas tanto tanto que me custa consideralas arquipélago. Se cadra o grupo central si (illas de Faial, Pico, San Jorge, Terceira, Graciosa) que se ven unhas desde outras, pero con máis dúbidas o grupo oriental (San Miguel e San María) ou Occidental (Flores e Corvo) que distan entre si máis de 600 kilómetros e son pequeneiras como penísulas de rías galegas, como moito. En fin, que chegaron os portugueses e non había nin xente nin case animais. Ningún mamífero agás un morceguiño, moitas arañas e bicharracada artrópoda, e pouquísimas aves. Vexetación estrañísima. Fentos como árbores e cousas así. Total que arramplaron con todo e sementaron trigo. Un par de centos de anos. Logo laranxas, outras boa época ata mediados do XIX. Despois ananás, te e cipreses xaponeses.  E desde a Segunda Guerra Mundial, encheron aquelo de vacas. Suízas. Que viven de marabilla. Xa lles contarei.  

Te puede interesar