Opinión

Unha visita israelí a Ourense

A descortesía que manifestou o grupo municipal do PSOE esoutro día ao non acudir á recepción do Concello de Ourense ao embaixador de Israel, sr. Daniel Kutner -quen viña, por certo, doutra co alcalde socialista de Vigo-, tróuxome á memoria un par de lembranzas.

Unha. O establecemento de relacións diplomáticas entre Israel e España veu de mans de Felipe González en 1986 e foi entendida positivamente pola OLP porque se abrían novas vías para un posible diálogo. Superábanse os tempos da conxuración xudeo-masónica. Criamos.

Outra, máis persoal. No outono de 2011 veu a Ourense o agregado de cultura da embaixada israelí, Oren-Bar-El, nunha visita que tivo as súas reviravoltas. Como todos os que interviñeron están xa fóra da política, creo que as podo contar sen facer mal ningún. A cousa é que o tal señor chegara o mes anterior á embaixada a Madrid e andaba devecente de coñecer o país. Chegáralle un convite do Festival de Cine de Ourense porque de Israel seica viñan moitas curtas, e incluíuno de inmediato na súa axenda. Poucos días despois, telefonárono, seica por indicación da Concellería de Cultura -que levaba á sazón Isabel Pérez, do BNG- dicindo que lle retiraban o convite. Eran os tempos do bigoberno na cidade, os do Bloque por un lado os do PSOE por outro. O caso é que os amigos da Asociación de Amigos de Israel chamáronme a min, a ver se podía acompañalo por aquí e por Ribadavia, porque como fixera o plan viría en calquera caso en viaxe privada, pois desexaba coñecer Galicia.

Eu, un pouco enfadado pola falla de formalidade, ofrecinme a facer unhas chamadas para que fose recibido polas tres autoridades que xulgaba podían ter interese no asunto, ou sexa, alcalde de Ourense, Paco Rodriguez, do PSOE; presidente da Deputación, Xosé Luís Baltar -PP-, e Marcos Blanco, do PSOE, alcalde de Ribadavia. Meu dito meu feito. Deputación e Ribadavia, todo facilidades. E no Concello de Ourense, tamén. Case.

Cóntolles. Fixen varias chamadas infrutuosas para falar co meu apreciado director do Instituto de Carballiño, Paco Rodríguez, e despois de terlle que dicir á unha secretaria-filtro o obxecto da conversa, recibiunos el o día convido con toda amabilidade e cortesía. É máis, ensinoulle ao diplomático unha carta dun grupo de boicot a Israel pedindo que non o recibira, e gabouse de non lles facer caso. Eu manifesteille a miña sorpresa pois dado que era un tema privado, non se fixera ningunha declaración pública da visita nin aviso á prensa, e a filtración, cría eu, non debía andar lonxe. En fin, de alí fomos á Deputación onde, tamén, amabilidade e cortesía, e un comentario incisivo nun aparte do vello Baltar: “Por certo, Monxardín, chamoume Paco hai un par de días para preguntarme se ía recibir ao señor este, e díxenlle que claro que si. E dixo el, ‘pois logo eu tamén”.

Fomos despois a Ribadavia, todo facilidades do alcalde, do concelleiro de Cultura, José Prieto, e dos historiadores José Luís Chao e de José Ramón Estévez. Incluso algún deles estaba preocupado porque non había comida kosher. Cando pediron os israelís -viña coa muller e fillas- deume a risa. De primeiro, unha fonte de xamón serrano, e de segundo, xudías con xamón. Eran xente elegante e normal, de pouca fame.

Te puede interesar