Opinión

Vítimas do nazismo e do estalinismo

No ano 2008 o Parlamento europeo aprobou, por iniciativa do presidente da República Checa Vaclar Havel e doutros líderes de Europa Central e Oriental,  a conmemoración dunha data que pasa bastante desapercibida e non debera. Claro que festexar algo o día 23 de agosto non é fácil, pero non había escolla. A data chámase “Día europeo da conmemoración das vítimas do nazismo e do estalisnimo” por nome curto, e o día foi escollido porque é un dos momentos cume da historia universal da infamia. O 23 de agosto de 1939, os réximes de Hitler e Stalin, asinaron unha alianza que pasou aos libros como “Pacto Mólotov-Ribbentrop” pola que ambas potencias acordaban repartirse a pobre Polonia e a libre actuación rusa nas repúblicas Bálticas e Finlandia. Claro que esta data fai revirar o fociño a moitos que aínda tratan de ocultar parte da historia. E non hai oco a tal. 

Debemos, creo, separar ben dúas datas complementarias. A do 27 de xaneiro, día da liberación de Auswichtz, insituído pola ONU para lembrar o Holocausto, o exterminio parcial do pobo xudeu a mans dos nazis. Seis millóns de mortos sobre unha poboación europea de oito millóns, é un exterminio en toda regra, feito con leis e normas específicas, co funcionamento dunha maquinaria para matar e, tristemente, coa pasividade, cando non colaboración activa, do conxunto da poboación alemá e, en boa parte, dos países ocupado. O caso merece un día de reflexión.

Pero o 23 de agosto instituíuse para visibilizar outras vítimas da vesania política: os 270.000 alemáns minusválidos ou deficientes mentais asasinados en aras da mellora da raza dentro do programa Aktion T4; no dos militantes opostos ás ocupacións dos seus territorios: os 20.000 militares e funcionarios polacos asasinados polas tropas rusas no bosque de Katyn, ou os 1.700, polos nazis no de Palmiry; no dos represaliados politicos todos. No dos 10.000 republicanos españois dos campos de concentración, sobre todo en Mauthausen, onde ingresaron 7.200 e morreron 4.800, e noutros campos, como o Dachau ou Oraniembrug -onde estivo Largo Caballero do 40 ao 45-; no dos sete millóns de ucraínos mortos nunha fame provocada por Stalin nos anos 1932-33 que denominan “Holomodor” -e que explica, non xustifica, que colaboraran cos nazis como “liberadores”-; no das vítimas do Gulag soviético (oficialmente 1.053.829 entre 1934 e 1953); no dos mortos tratando de avantar o muro de Berlín cara a liberdade, entre 1961 e 1989; no dos 4.000 asasinados por franquistas na Praza de Touros de Badajoz na guerra, ou no das ducias no monte Furriolo ou no Campo de Aragón, en Ourense; nas vítimas da checas de Madrid, Barcelona e Valencia, ou os 2.500 asasinados en Paracuellos. No das ditaduras de calquera signo, entre as que sobrancean, por número e calidade, as que dan nome ao día.

Por isto todo, creo que acertou o Parlamento europeo: trato diferente aos dous temas. Un, a planificación dun exterminio étnico, ante a pasividade xeral, e outro o asasinato masivo de opoñentes políticos. Non é o mesmo tratar de borrar da face da terra a todas as persoas dunha etnia, e pór todos os medios lexislativos, intelectuais, materiais e humanos a ese fin, que asasinar aos opoñentes políticos, por moitos que estes sexan. Ambos fenómenos, para a Historia mundial da infamia, pero en capítulos distintos, con reflexións distintas. Un crime non debe tapar a outro. “Remember, August, 23”, é o lema deste ano.

Te puede interesar