Opinión

Unha volta ao premio de poesía cidade de Ourense

Decidiuse nantronte o XXXIV premio de Poesía Cidade de Ourense. Dous anos despois da primeira edición que gañara Chisco Fernández Naval en 1980 con “A fonte abagañada”, e con motivo do irmandamento con Vila Real, o Concello de Ourense abriuno tamén ás obras en lingua portuguesa. É un premio ben dotado, 6.000 euros, e de aí, e da traxectoria, lle vén o prestixio.

Pois ben, falemos do tema. O lector que me siga -de existir algún- sabe que son tan amigo da lingua e cultura portuguesa que non a quero de segunda lingua estranxeira optativa no ensino, pois nin a considero estranxeira nin creo deba ser optativa, pois non se pode reclamar o dereito á ignorancia se cun mínimo esforzo abrimos portas tan grandes. Creo, si, que se debería integrar o estudo das diferenzas ortográficas, fonolóxicas, sintácticas, etc. entre as dúas vellas gallas do tronco común, dentro da materia de Lingua Galega. Trataríase de alixeirar os temarios de escritores menores, de evitables repeticións gramaticais co castelán, e facérmoslle un oco ao coñecemento básico do portugués estándar: un coñecemento útil e práctico, que todo galego podería e debería adquirir con moi pouco esforzo. E sería bo á materia de Lingua e Literatura Galega, pois revalorizaría o seu interese, a utilidade e prestixio. Creo.

Feita a declaración de amor, volvo ao premio. Para obras en galego e portugués? Se se tratou de potenciar a irmandade, fracasou. Non teño noticia de que ningunha institución lusa inclúa nas bases dos seus concursos literarios a posibilidade de aceptaren orixinais en lingua galega. Se cadra hai, pero eu non coñezo caso ningún. 

E a realidade administrativa desa irmandade con Vila Real (a 147 quilómetros, todos por autovía, indo por Verín, no mesmo tempo que leva ir a Coruña) produce na actualidade o mesmo nivel de interacción que coas outras tres cidades irmandadas: Quimper, na Bretaña francesa (a 1.440 km); Tlalnepantla, en México (a 8.668 km), e Plaza de la Revolución, en Cuba (a 7.063). Ou sexa, cero. A Irmandade co veciño irmán, non funciona.

E non me convence esa dualidade galego e portugués, porque non me chista que emigren os cartos dos meus impostos, sen reciprocidade. Preferiría volver ás orixes: só en galego, por iso da discriminación positiva. Outra opción sería abrilo, tamén, ao castelán, e así reorientar o premio para as tres linguas próximas a nós. Pensen que coas bases actuais, o maior poeta que ten dado a cidade, José Ángel Valente, non se podería ter presentado.

Se estivese na miña man, riparíalle mil euriños ao premio e con eses mil recuperaría o “Premio de contos para a mocidade, Cidade de Ourense” que organizaba a Casa da Xuventude desde 1984 e poríalle o nome de Benito Losada, o seu creador: “Premio Benito Losada de Contos para a Mocidade”. Iso si, este para orixinais en galego, tanto por historia como por necesidade de aloumiñar a fala entre os máis novos, que ben lle cómpre.

E no que respecta da irmandade con Vila Real, poderíase traballar o tema e explorar ideas: viaxes desde o Concello, eventos deportivos, intercambios culturais, escolares, universitarios, etc. Eu que sei. A única vantaxe de non ter feito nada, é que nada hai mal feito. Todo por empezar, todo por facer. E todo por facer ben.

Te puede interesar