Opinión

Xavier Prado "Lameiro"

Teño falado en varias ocasións de Xavier Prado “Lameiro”. Téñolle simpatía por varias razóns; entre ellas por ter sido criado en Cudeiro, cun seu tío crego, e alí aprender un galego rico, vizoso e enxebre como se falaría alí nos finais do XIX, da mesma fonte que beberon as miñas raíces. 

Pero tamén lle teño lei porque o considero a ligazón máis importante entre o Rexurdimento e Nós e nós. Explícome. Os máis vellos da localidade aínda lembran -eses serían o nós en minúscula- os ecos da súa morte acontecida, no medio do cariño dos ourensáns, o 26 de decembro de 1942, hai, pois, 75 anos. Pero el lembraba xa as mortes de Rosalía (1885, tiña 11 anos), Curros e Lamas Carvajal (1906, tiña 33) e Pondal (43, tiña). E de xeito moi especial a do seu admirado Lamas, o cuarto pé do Rexurdimento. Con esa fascinación polo traballo xornalístico e literario popularista de Lamas non é de estrañar que erguese de novo o xornal “O Tio Marcos da Portela”, nunha nova xeira entre a posta en marcha da Irmandades de Ourense en 1917 e a primeira actuación da Coral de Ruada, da que el foi fundador, a mediados de 1919, ou sexa, antes da fundación da revista Nós. 

Efectivamente, os homes de Nós comezaron no exotismo, orientalismo e vangardismo de Primitivo Rodríguez Sanjurjo na década dos dez, e acabaron achegándose ao compromiso galego desde o maxisterio de Losada Diéguez pero tendo  moi presente a actividade de Prado Lameiro e dos seus amigos d’O Tío Marcos da Portela e da Coral de Ruada. Certo que os homes de Nós desconfiaban inicialmente daquel conxunto de xente da Irmandade ourensá dos que o separaban o popularismo e o enxebrismo irmandiño fronte ao seu cosmopolitismo culto e vangardista. Despois repensarían a cousa ao baixaren da torre de marfil e asumiren o compromiso ético da modernización da cultura galega. Tanto é así, que cando fundan a revista Nós -o primeiro exemplar sae á rúa o 30 de outubro de 1920- chamarán a Prado Lameiro como “redactor xefe”, cargo durante un tempo da súa edición en Ourense. Sen dúbida, o tremendo atractivo popular da súa actividade está na raíz desta simpatía e integración. Non houbo, seguramente, escritor máis popular na Galicia da preguerra. A Coral de Ruada -Coro, inicialmente- combinaba tres grandes áreas: musica e danza, e teatro. Precisamente, esta última sección foi responsable do tremendo éxito popular inicial da dramaturxia de Xavier Prado Lameiro, das súas “Farsada” ou “Monifates”, estudadas pola inesquecible Begoña Muñoz na edición da obra completa do autor, de Marcos Valcárcel, publicada polo Concello de Ourense en 1995.  

Xavier Prado “Lameiro” sempre desconfiou da participación en política e mantívose afastado dos temas organizativos e electorais do galeguismo político. Isto, sen dúbida influíu para que non tivese o recoñecemento que merecía a nivel de elites, aínda que a súa lembranza sempre se mantivo activa e as súas obras representáronse por décadas en Galicia e na emigración. Moito do máis popular hoxe da escena galega -teatro e televisión, digamos “Eroski Paraíso” ou “Era visto!”- retoman agora a súa liña de humorismo popular que fai pensar. Por todo isto, está moi ben a homenaxe que hoxe lle renden ante a súa estatua no Posío, a Coral de Ruada e as Fundacións que gardan a memoria de Nós en primeira liña: Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Lousada Diéguez e Alexandre Bóveda. Boa cousa a de camiñaren xuntas nesta homenaxe. Felicidades.
 

Te puede interesar