Opinión

O edificio dos Franciscanos

Sabemos todos que a igrexa dos Padres Franciscanos, antes de estar en San Lázaro, estaba arriba, en San Francisco. Logo, contra 1928-29 foi separada do seu claustro e baixada ao Parque. A verdade é que tal felonía tivo unha certa explicación. Desde a desamortización de Mendizábal, mediados do XIX, quedara o convento baleiro e estaba todo medio abandonado. Seica a igrexa tamén. Así, a alguén benintencionado ocorréuselle a idea de desmontala, baixala pedra a pedra e montala de novo no lateral norte do lugar que había pouco deixara de ser o Campo das Bestas -ou da Feira- e se convertera no primeiro parque moderno da zona nova da cidade, o de San Lázaro. Dalgún xeito, estruturábase o remate do novo centro urbano polo norte como facía o Xardín do Posío polo sur, e tendo como centro entrambos a histórica Praza Maior. Ou sexa, a igrexa de San Francisco sería ao Parque de San Lázaro como a da Trindade ao Posío. No centro, quedaría o Ourense histórico, cos seus templos tradicionais: Catedral, Santo Domingo, Santa Eufemia e Santa María Madre. Deste xeito, pois, a proxección da cidade cara ao norte tería unha igrexa parroquial cun templo de amplo valor histórico e artístico -como a Trindade- e recollería a puxanza dos novos veciños dos arredores. Digamos Santo Domingo, Bedoya, Parque, Paseo, Curros Enríquez, Cardeal Quevedo, avenida da Habana... Pero a cousa nunca chegou a rematar ben, pois nunca San Francisco logrou ser parroquia. Seica porque desde Santo Domingo se opuxeron da forma máis radical. Pensaban, disque, que deixarían de ter baixo a súa influencia unha zona de cidadáns poderosos e emerxentes que non querían perder.

O caso é que a igrexa foi xibarizada ao baixala: houbo conservación dos elementos decorados principais, a portada, as ábsides, hoxe horriblemente cercadas por casas, pero reducíronse as dimensións de forma notable, de xeito que é imposible tratar de encaixala de novo no espazo primitivo.

E ao tempo que ergueron a igrexa, construíron unha casa para os frades franciscanos que a ían atender pero sen especial valor arquitectónico. E o que parecería razoable, que os espazos ao redor da igrexa quedasen libres para que destacase o conxunto arquitectónico, sobre todo as marabillosas ábsidas góticas, pois non foi. E a igrexa foi emparedada, froito das tensións especulativas en tempos de pouca presión en favor do patrimonio cultural. E o último destes movementos especulativos, xa en tempos actuais, ten o seu centro na propia antiga vivenda dos frades. A construción feita non só contribúe a emparedar o templo, senón que pecha, obstrúe, bloquea (legalmente?) unha porta lateral da igrexa que se usaba nas festas coma o San Lázaro e que podía funcionar como saída de emerxencia. Houbo xente crente -estamos preto dun templo- que quixo crer e viu nas infografías que colgaron ao principio da obra que o resío que quedaba contra Cardeal Quevedo sería un parquiño público cuns bancos e algo de verde desde o que se gozaría da ábside da Igrexa. E diso, nada de nada. Agora, señores, xa se ve como queda ao pasar por alí. O muro xa medrou. Xulguen vostedes. Desde logo, para min, de pecado. 

Te puede interesar