Opinión

Era Trump, era

Era Trump o que ía gobernar e non outro. E velaquí o temos. Eu o temo. Agora veremos se inicia un período novo na historia, unha era, ou non. Espero que o “establishment” free a este deslinguado. Curiosa esta confluencia entre este free noso, e o “free” inglés de libre. Se o frean, sermos máis “free”. En fin, creo que Trump non o ten difícil, pois ninguén espera nada del. O salto de gracioso en programas da televisión, a presidente dos EEUU grazas a un discurso farfallán e facilón, dá medo. Non por el, senón pola xente. E parece que esquece as dúas máis importantes máximas do político: a túa acción debe resolver máis problemas dos que crea, e nunca existen solucións fáciles para problemas complexos. Que fala sen filtro, está aí; que non ten discurso, témomo. Só quince minutos na toma de posesión, é pouco, pero para simplezas de barra de bar, chega. Ao non daren enfiado un discurso global equilibrado, os tradicionais xestores do sistema deixaron o terreo aboado para a sementeira de demagoxias. E non estamos tan lonxe. Os populismos europeos, uns de dereitas e outros, seica, de esquerdas, están ao axexo. Ademais, non nos debemos asustar tanto polas palabras. Repetiu Trump no discurso “America, first”. O normal. Se Alberto Núñez di “Galicia, o primeiro” non nos parece mal, se Susana Díaz “Andalucía, ante todo”, pois iso. É só dicir o que queren oír os televidentes electores. Algunhas das medidas que ameaza Trump (poñer fóra aos inmigrantes indocumentados que delincan) non parecen lonxe da sensibilidade das maiorías, alá e aquí. Outra cousa son as parvadas de facer muros irrealizables, sacar a escasa sanidade pública, atacar China ou México ou, incluso, ó castelán como lingua dos USA. Veremos en que acaba.

E como me gustan os políticos serios na expresión e con respecto, non vexo que nin pola audiencia nin polos votos, se deba chegar a deixar que lle soben o pelo nun programa televisivo ou dedicarse a poñer caretas buscando cámara. Pero é ao que andan. Audiencia ou votos. Tanto monta. E téñolles prevención cos resultados electorais porque nos tempos de simplificacións absolutas, ou sexa de simplicidades máximas e excitacións maniqueas, o que diga a maioría non ten porque ser o razoable. O pobo elixiu a liberdade de Barrabás e non de Xesucristo. Xa dixo Borges que a democracia era unha esaxeración da estatística. En fin, como outras veces, os estadounidenses están esgazados. Ao lado desa parte máis europea, vangarda da liberdade occidental que nos librou tres veces, na I, na II Guerra Mundial e na posguerra desta, de totalitarismos enxebres europeos, hai outra América profunda con tendencia retráctil, de encastelarse e esquecer ese mundo problemático. Que se maten aí fóra. Curiosa a confluencia entre Trump e moita esquerda europea na oposición ao tratado de libre comercio entre EEUU e Europa. Sei pouco do TTIP pero desconfío das coincidencias de extremos. Como desconfío da simpatía mutua cun Putin que ten máis cara de listo e pillo que o magnate mangante americano. 

Trump, como seguro teñen oído, significa triunfo, pero nas cartas (This time, golds are trumps, Desta vez triunfan ouros), pero non nas grandes cuestións, tipo fútbol ou eleccións onde usan “triumph”, (Trump’s victory, is, anyway a triumph of democracy, A vitoria de Trump é, en calquera caso, un triunfo da democracia). En fin, ao longo do mundo hoxe moitos confórmanse con que non faga moito mal. E malo será.

Te puede interesar