Opinión

Facer as beiras, pola nova

O outro día explicaba na clase cousas de lingua antiga. O significado secundario de “falar” como “manter unha relación” que se usou de forma xeral no rural ata hai dúas ou tres xeracións. Así os vellos dicían, por exemplo: “Sabes? O Manoliño do Sobral fala coa Maruxa das Barxas”, por exemplo... E como eu creo que, paralelamente, cando nas cantigas medievais dicían “onde meu amigo soia falar comigo” habería alí, tamén, algo máis ca palabras. E despois comentáballes que antes dese “falar” o habitual era “facer as beiras”. Outra expresión enxebre, moi viva e de comprensión xeral, cría eu. E para sabelo, pregunteilles cantos coñecían ou tiñan oído a expresión “facer as beiras” a alguén. Non me sorprendeu en exceso, aínda que si me asustou en toda regra, que nas dúas ou tres clases que preguntei, no mellor dos casos, só tres ou catro sabían dela. E cando lles pedín que lles explicasen o significado aos compañeiros, a resposta inmediata e case en estero de todas elas foi “meter ficha”. Eu quedei coa boca aberta por expresión radicalmente descoñecida para min. 

-Meter ficha?

-Si claro. Me metió ficha -eu non saía do meu asombro e aínda me parecía unha expresión case obscena-. E o que anda todo o día intentándoo “es un fichas”.

-O que?

-Un fichas. 

E cando lles inquirín se querían dicir “ligar” ou “ligón” asentiron sen moita dúbida. “Así di miña nai”, dixo unha rindo, como se eu e a súa nai, sempre xa máis novas ca min, fósemos xentes do musteriense tardío ou do epipaleolítico. Tiven que aclararlles que “facer as beiras” vai máis alá de tratar de ligar -perdón, de meter ficha- e que tamén significa tratar de engaiolar, seducir, convencer a alguén para conseguir algo. 

A velocidade dos cambios idiomáticos é feroz. Como a da evolución da técnica ou da sociedade mesma. Quen se lembra dos discos flexibles de 5 1/4 dos ordenadores? É así, máis obvio aínda, que a antiga cultura material tradicional desaparece e con elas o seu vocabulario. Só saberán o que son as abeacas, as rabizas, a rella, o tamón, as chedas, o cabezallo, o xugo, as cangas e a diferenza entre unha galleta, unha forquita, unha forcada, un podón, unha fouce, un fouciño, ou entre un sacho, un rodo, unha peta, un legón, unha eixada, en fin, só saberán estas cousas os que estuden etnografía tradicional, como só sabemos os de arqueoloxía as palabras “ortostato” ou “coprolito”, pero con menos posibilidade incluso de adiviñar o significado ao non seren cultismos grecolatinos. E se a cultura das formas materiais desaparece (por sorte, claro, bendita a motorrozadora en vez do podón e forquita; bendito o tractor a motor en vez do carro a bois; bendito pendrive de 32 gigas en vez de discos de 3 1/4 de 1,4 megas), pois a única forma de manter viva calquera forma de expresión cultural ou de valores éticos que proveña da raíz ancestral en calquera parte do mundo mundial é que esta non só se achegue senón que se manteña forte e viva nas novas formas expresivas relacionadas co mundo moderno.

Que como se fai? Velaí a cuestión. Fácil non lles é. Para facérmoslles as beiras á mocidade -ou para metérmoslle ficha-, debemos entender o que falan, e eu vexo que ás veces nin iso. E se non entendemos ben o que din, do que pensan... que lles podo dicir. Pero, en fin, sexamos optimistas. O caso é ir indo, e creo que imos indo ben.

Te puede interesar