Opinión

O que lle custou a Casares

O outro día, na presentación da biografía de Carlos Casares que escribiu o seu amigo Henrique Monteagudo, xurdiu a cuestión da súa participación en política. Como sabemos todos, Carlos era unha persoa moi preocupada polas cuestións xerais da polis, da cidadanía, pero moito menos polas cuestións dos partidos e da, perdóenme a expresión, “política pequeneira”. Por iso, baixo o maxisterio do amable e intelixente tecedor de vontades que foi Ramón Piñeiro, aceptou ilusionado -doutro xeito non aceptaría- participar nas eleccións ao primeiro Parlamento Autonómico galego, en 1981, integrado como independente nas listas do PSOE por Ourense. Sabido é de que con aquela operación -Realidade Galega- trataban os galeguistas culturais de promover en todas as candidaturas o interese nas cuestións identitarias galegas e non que ese interese quedase reducido á candidatura que eles poderían promover, que en calquera caso sería iso, só unha “fracción”. Foron catro deputados “galeguistas independentes” os que participaron nas listas do PSOE (Ramón Piñeiro, Alfredo Conde, Benxamín Casal e Carlos Casares) e outros fixérono nas listas doutros partidos, entre eles Fernández Albor nas de AP.

Como é obvio esta operación -que eu creo deu extraordinarios resultados- non foi do agrado de todos. Sobre todo, dos nacionalistas galegos dominantes daquela (léase o Bloque) que naquel entón aínda non se desprendera da caspa do radicalismo antisistema e pretendían presentarse como única voz lexítima para os galegos. Eran tempos de chumbo nos que ecoaban no Toural e na Quintana os violentos discursos de Telesforo Monzón, de HB, cos berros habituais de “Gora ETA” (25 de xullo 80), nos que os concelleiros do Bloque na cidade de Ourense non condenaban o secuestro de Franqueira (xuño 80), ou no que se negaron a cumprir os trámites de xurar as leis fundamentais -Constitución e Estatuto- para provocar a expulsión do Parlamento Galego (xullo 82) e así tratar de deslexitimar as institucións. Esta oposición frontal á democracia parlamentaria e á autonomía, durou toda esa lexislatura e tivo, se cadra, como punto culminante, un infame comportamento durante á traída dos restos de Castelao o 28 de xuño de 1984, co boicot á decisión da familia e do Parlamento Galego -promovida polo nacionalista Camilo Nogueira- en Bonaval. Eran tempos do exclusivismo de “Castelao é noso” e doutros dislates parecidos.

Pois ben, un obxectivo central dos ataques daquel nacionalismo airado eran as persoas que eles vían máis próximos ás cousas do galeguismo, ou sexa, Camilo Nogueira e os seus afíns, e os “galeguistas independentes”. E certamente tiveron bastante éxito. Esa agresividade verbal descualificadora non se produciu con outros intelectuais que non se expresaban coa liberdade de Casares ou que non asumiron unha postura tan visible na construción da autonomía. O ataque durou tempo, e chegou ao esperpéntico boicot ao acto no que se lle entregaba o Premio Losada Diéguez, en xuño de 1988, pola novela “Os mortos daquel verán”. Había unha pancarta “Casares. Somos colonia. BNG” e outras máis simpáticas por alucinadas: “Casares, proxeneta”. En fin. A Casares, a expresión das súas ideas custoulle moita tranquilidade. Pero foi sempre un cidadán libre que falou con calma e liberdade. Unha das facetas da súa grandeza.

Te puede interesar