Opinión

O medo a voar

Supoño que a vostede lle pasa como a min e non ten alas. E de aí parten todos os problemas: o noso corpo non está deseñado para iso. Todos podemos andar e, cun pouco de xeito e aprendizaxe, incluso nadar distancias curtas pola auga. Pero aínda non se deu o caso de que unha persoa aprendese a voar “a pelo”. Se un se lanza desde o viaduto con esa intención, e lle dá aos brazos con moita intensidade, seguramente que o xogo de forzas físicas, aerodinámica e lei da gravidade incluídas, acabará por facer que as cousas rematen como nos tememos. Pero se o corpo non, si a cabeza, a intelixencia, esa marabilla que fai que o mundo progrese, fixo que dominásemos os desprazamentos non só por terra e mar, senón por aire tamén, de forma que a sensación de que a nosa casa é o planeta está máis firme e asentada ca nunca. E si, movémonos en avión sempre para distancias longas, e sabemos que é a forma máis segura, pero a inmensa maioría sentimos un certo alivio cando nos vemos cos pés no chan. 

Curiosamente, Ourense, sen aeroporto nin falta que fai, é terra de aviadores e empresarios da aviación. Así, a bote pronto, lembro tres, pero seguro que hai máis: o meu compañeiro destas páxinas Julio Dorado -das mellores plumas de España para min, hoxe-; Manuel Pereira, vello amigo da avenida da Habana, nunha nova aventura empresarial africana, rematando xa a montaxe de Afra Airways, compañía que operará desde o aeroporto de Bujumbura, en Burundi, e Chema Álvarez, presidente de Privilege Style, primeira compañía española de voos privados non regulares, ou sexa charters, que na súa impresionante frota leva os nomes das nosas terras e xentes polo mundo adiante: Milagros Díaz, súa nai; Eduardo Barreiros, Trives, Auria... Precisamente Chema acaba de publicar no seu facebook uns datos que axudan a escorrentar o medo a voar, e aínda que nunca desaparecerá de todo, pois como o pasar de noite por un cemiterio, non pertence ese temor ao mundo do racional, eses datos axudan moito. Reprodúzollos. Falamos de avións de máis de 14 prazas. Saben cantos voos houbo no mundo en 2016? Uns 35.000.000. Ou sexa 95.000 ao día. E saben cantos accidentes houbo? Pois 19 en todo o mundo. E cantos mortos? Pois 325 en todo o mundo, ou sexa 0,89 mortos ao día en todo o mundo. (Só en accidentes de tráfico, en España, houbo 1.160, 3,17 ao día.) A estatística sinala que se produce un accidente por cada 3,2 millóns de voos. E lémbranos Chema Álvarez que gastan en seguridade, en mantemento de avións e formación de persoal, o 47 % do que se paga polos billetes. 

En fin, fronte a eses 325 mortos tan mediáticos -lembremos aos futbolistas do Chapecoense, aos do coro do Exército ruso, por exemplo- houbo o ano pasado sobre 1.260.000 mortos en accidentes de coche no mundo mundial. Destes, máis de medio millón entre China e a India. En España o risco é baixo. Aínda así, o momento máis perigoso da viaxe en avión é o desprazamento en coche ata o aeroporto. Así pois, como remata Chema Álvarez no seu post: “A voar”. Sen medo.

Te puede interesar