Opinión

Os novos sete mundos

Anda o mundo -o noso- revolto con eses sete novos mundos seica habitables que anunciou a NASA. E todos caemos, como nécoras andando para atrás, na súa nasa de pescar atención e intereses interesados coa sedución do número máxico, o sete. Digo intereses interesados porque me cheira que detrás dunha noticia así hai algo máis, se cadra relacionado coa petición de fondos. A verdade é que desde os novos telescopios por volta dos anos noventa, xa descubriron uns 3.500 planetas, deses que chaman exoplanetas, por estaren “fóra” do noso sistema solar. E teiman agora en que hai que saber, filliños, “se non estamos sós”. Por min, fame habían pasar. Porque como non lles son da NASA senón de Ourense, xa sei que non estamos sós. Hai portugueses ao noso sur; ingleses, franceses alemáns e outros ao norte; americanos mar por medio; chineses, dous ou tres en cada comercio ou restaurante seu e máis de mil millóns todos xuntos na China, etc. E tamén lles podo asegurar aos señores da NASA que ao seu sur teñen mexicanos e moitos outros hispanoamericanos con máis ou menos fame de progreso. Así que sós, o que se di sós, pois non parece que esteamos moito. Pero se cadra é cousa dos construtores: uns refregan as mans co negocio de faceren un muro con México, e outros, se cadra, pensan como lles iría unha cúpula para que non lle entrasen eses de alí fóra.

E leva toda a razón do mundo o profesor Stephen Hawking, e xa o vén advertindo desde hai tempo: se hai vida fóra, alí, por exemplo, chámalle a NASA “Trappist-1”, se alí hai xente -chamémoslle nós Bichos Pau Intelixentes de Fóra, que non imos ser menos cá NASA inventado palabras- mellor todos caladiños coma petos e discretos, non vaia ser o demo que nos vexan e queiran vir visitarnos. Porque a historia do encontro de civilizacións sempre foi igualiña: rapañota pura. A sangue e lume ripar o que cómpre. Os romanos non viñeron a tomar as augas, nin os españois foron a Cuba polas mulatas que daquela non había. E franceses, portugueses, belgas, ingleses... En fin, na India, en África, en Oceania... alí onde houbo “encontro de civilizacións” sempre foi igual. Uns buscaban cousas -bacallau, petróleo, ouro, pementa, escravos- e collíanas, sen máis. Os máis quixotes, os españois claro, porque ademais, cruzáronse coa poboación local e fixeron universidades e catedrais desde o principio (Universidad Santo Domingo, 1538; Perú; México, 1551, etc.). Por que logo tanto interese en saber se “non estamos sós” cando non nos aguantamos entre nós, a familia humana? Iamos querer mellor a un Bicho Pau ID? Non nos chegan os problemas do planeta para buscar outros fóra. Menos mal que xa operante o principio de “xustiza universal”, a cousa está clara: poderiamos levar ao tribunal da Haya a un Bicho Pau ID deses que lle zoscase a un fillo por non comer a sopa galáctica. Xustiza universal. Xa lle ronca.

Pero a verdade, botei contas e por moito que digan, moi preto non están eses planetas. Uns trinta e cinco mil setecentos trinta e cinco billóns, sesenta e oito mil cento oitenta e catro millóns, oitocentos trinta e nove mil trescentos sesenta quilómetros, segundo di a NASA. 41 anos luz, pola breve. Ou sexa, que por moito que corra non me dá tempo de ir e vir nestes días de ponte. Sen contar o consumo. Pero por Ourense-Xinzo-Laza-Verín algún extraterrestre seguro que vexo. Páseno ben e non toleen. De todo.

Te puede interesar