Opinión

Tempo de Entroido e Carnaval

Moitas realidades teñen dous nomes. Podemos falar de fútbol ou de balompé. Ou de fungueiro ou estadullo. Ou de xouba ou parrocha. Ou de cabrito ou carruxo. Ou de navalla ou longueirón. Ou de rapaza e rapariga. Ou de Ourense ou Auria. Porque os nomes das cousas dependen de moitos factores: procedencia dunha lingua ou doutra, uso máis ou menos xeral, especialización nalgún matiz, consolidación maior dunha forma que doutra, distribución xeográfica, rexistro que usemos, uso cultural diferenciado, etc. Ou sexa, sinónimos máis ou menos perfectos.

E como é ben sabido, agora estamos no tempo do Entroido en Galicia. Pero no do Carnaval, tamén. Entroido, como se repite sempre que se fala disto, vén do latín “intruito” que significa “entrada”, pola entrada da Coresma. E esta denominación fai referencia aos festexos tradicionais en toda parte peninsular. No dicionario da RAE, por exemplo, hai varias entradas que remiten unhas a outras. “Antruido” -que é como lle chaman en Riaño, León- é unha, pero a principal é “antruejo”, onde sinala “conjunto de los tres días de las carnestolendas”. Existen tamén formas derivadas “antruejada” -broma grotesca del tiempo de carnaval- e “antruejar” -mojar o hacer otra burla en carnestolendas-. Os asturianos, no dicionario da súa fala din “antruxu” e explican “antruejo, carnaval, período de carnaval” na primeira das sete especificacións da palabra, e sinalan, por exemplo, que hoxe, martes, é o “antroxo fartón”.

En Galicia, como é ben sabido, ao lado de formas minoritarias “antrudo”, “introido”, “entrudio”, “entrudo” hai dúas principais, “antroido” e “entroido”. A min dáme o corpo que “antroido” era antes máis xeral, tanto na denominación da festa como na da persoa vestida ridiculamente. “Vai feito un antroido”, dicíase en calquera tempo. Pero impor impúxose entroido por esa tendencia que hai na normativa de, en caso de dúbida, aproximarse á etimoloxía. 

Como sabemos todos e lembramos agora, a palabra “carnaval” vén do italiano “carnevale” e este á súa vez, seica, de “carne levare”, ou sexa levar, levantar, quitar a carne, pois é o inicio o “intruitus” da Coresma. Palabra moi semellante, tamén, é “carnestolendas”, que vén do mesmo, “carnis tollendus”, de tolere, quitar, levantar, sacar. Os cataláns usan para este tempo “carnestoltes” como forma máis xeral.

En calquera caso, a palabra “carnaval” xa ten carta de natureza na lingua galega e portuguesa como tantas outras moitísimas que se moveron desde os seus lugares de nacemento e se adaptaron ás fonéticas dos distintos lugares. (Nós tamén “exportamos”, así “ría” por exemplo é palabra internacional como “fiordo”, ou en castelán non din “lluviasco, senón chuvasco, e por algo será.) En fin, que se nos seculos XVIII e XIX celebraban festas populares transgresoras en Río de Xaneiro chamadas “entrudos”, arestora todos coñecemos o seu “carnaval”. Así pois, digamos dun xeito ou doutro, divirtámonos, que ben cómpre neste mundo avolto que parece que está disparatado como se vivisemos nun entroido permanente. 

Te puede interesar