Opinión

Xaneiro, xiadeiro: boa cousa

Orefraneiro foi noutrora moi estimado. Pensemos en Sancho Panza que non enfía dúas frases sen incluír un refrán ou dous. Pero xa o propio enxeñoso figaldo advertía ao seu axudante contra o exceso (Sancho, no has de mezclar en tus pláticas la muchedumbre de refranes que sueles). O caso é que, como parte da cultura de tradición oral, concentraban tanto a sabedoría popular (xaneiro xiadeiro) como os prexuízos dominantes (muller que sabe latín, non vale pra min). Combinaban pois a verdade da experiencia coas simples ideas e percepcións da realidade social. Pro iso tamén os hai simplemente contraditorios (a quen madruga... fronte por moito madrugar...).

En fin, que o refraneiro foi deixando de ter vixencia ante o avance doutras formas culturais que fan que o acúmulo da experiencia non teña tanta importancia para rexer os destinos da xente como antes. Agora, para saber do tempo, pódese recorrer o que din as imaxes do satélite ou as informacións da tele, ou ás aplicacións dos teléfonos móbiles. E a cultura material e as formas de vida daquela sociedade vella xa son hoxe só recoñecibles na decoración das tascas enxebres, nos museos etnográficos e nos documentais antropolóxicos. 

En fin, que o estudo do refraneiro é algo que tivo moita tradición no solpor do século XIX e se prorrogou por todo o XX. O investigador Xesús Ferro Ruibal é sen dúbida, no tránsito entre o século XX e XXI, o maior especialista galego en paremioloxía, que é a forma culta de lle chamar ao estudo dos refráns. Tamén foi obxecto de moitos traballos escolares pola súa facilidade de realización e pola boa disposición de moitos vellos a contalos: dalgún xeito, era unha forma de poñer de manifesto diante dos netos a súa sabedoría e lograr que lle fixesen un pouco de caso.
Moitos me ensinaron os alumnos de Celanova e do Carballiño. Os de xaneiro, moitos fan referencia a que é boa cousa o tempo nada extraordinario -fóra da obsesión televisiva- que estamos tendo en Galicia: frío e seco.

Xaneiro xiado e abril mollado, enchen o faiado ou ben Xaneiro coas súas xiadas, febreiro coas febreixadas, marzo cos seus aires, abril coas súas chuvias, maio pardo e San Xoán claro, valen máis cós bois e o carro. Está claro, convén que vaia frío, do contrario, o ano será malo. Xaneiro quente trae ó demo no ventre, pero tamén outros indirectos como No mes de xaneiro súbete ó outeiro, se ves verdexar bótate a chorar e se ver negrexar ponte a cantar ou Cando as ras cantan no xaneiro, sinal de fame en todo o eido. 

En canto á chuvia, é pouca: A chuvia de xaneiro é coma o mexo dun carneiro e hai disparidade de valoración Xaneiro mollado, bo pró campo malo pró gado, Poucas chuvias no xaneiro, enchen o celeiro ou Auga de xaneiro, cada pinga val diñeiro.

Outros moitos fan referencia ás friaxes e regatos medio secos deste mes, ás veces, en contraposición ó seguinte: Xaneiro xiadeiro e en febreiro cada suco seu regueiro, No xaneiro calquera ovella pasa o regueiro; en febreiro, nin ovella nin carneiro. 

En calquera caso, nos días claros como nos que andamos, xa se nota ben o medre das horas de sol. Dezasete de xaneiro, unha hora por enteiro (media pola mañá e media pola noite), e andan as noites claras: O luar máis claro é o de xaneiro, e o de agosto, saelle ó rostro ou ben, poñéndose poético, Non hai lúa clara como a de xaneiro nin amor coma o primeiro.

Te puede interesar