Opinión

As cousas que me inchan a bolsa

Non será a primeira vez que traio a colación a San Policarpo, que foi bispo de Esmirna (69-167?) e que, a maiores de bispo, foi mártir da fe. Xa se sabe que os cristiáns son moi dados a elo, ó martirio e tamén ó martiriloxio, así que non deberá parecer nada estraño que este home padecera tamén morte cruenta dando testemuña da súa fe. 

Flaubert, que non escribiu más que cinco novelas, pero chegáronlle pra ser quen é (en realidade e a tales efectos teríalle sido abondo con Madame Bovary) viviu seducido por este bispo que coñeceu e tratou ós apóstolos de Xesús de Nazaret e, xa que logo, é considerado como un dos Padres Apostólicos da Igrexa Católica. Eu, que non son Flaubert, boto man do Santo con certa frecuencia. Fágoo cada vez que o mundo no que vivo, no que a sociedade na que habito non me satisfai moito; por exemplo, agora mesmo.

Cando sucede así é cada vez na que me poño a cismar no que lles pode interesar a vostedes, meus sofridos lectores. Entón, os temas centrais que vou atopando, fanme exclamar, coma o Policarpo iste do que lles falo: "Deus meu, Deus meu, porque me fixeches vivir en tempos tan interesantes!" Outros afirman que o que berraba era "Deus, Deus, en que século -ou en que mundo- me fixeches nacer!" Non sei cal das dúas, ou tres, expresións escollería monsieur Gustave. Dende que lle lin "As tentacións de San Antón", resolvín que o mundo flaubertián que máis me interesaba, non era ese, nin o de "Salambó", senón o da señora Bovary e o da correspondencia que Flaubert manteu con seus amigos, tan substanciosa. Nela escribiu cousas tales como que odiaba a democracia (cando menos como a entendían daquela en Francia) recoñecía que puidera ser a súa unha adicción perversa pero que moito era o que lle prestaba a el a prostitución... e por aí seguido; en resume, que moito cambiou o mundo dende os seus tempos, pero que segue a ser tan interesante coma neles ou coma nos do señor bispo.

O caso é que eu quería falarlles destes tempos nosos, tan interesantes. Dos tempos políticos que o son e moito. Quizais de máis pois son os que me fan clamar como clamaba o bispo de Esmirna de xeito que, ás veces, ínchanme tanto a bolsa escrotal que non sei como non rebenta, afortunadamente. Por iso non lles vou falar deles. Eu queríalles falar, tamén e case en cambio, das cousas das que adoitamos falar os vellos facendo uso dun dos poucos privilexios que nos concede a vellez. Así que escollo, decídome. e aí lles vai. 

Cando eu era mariño e o barco se perdía no que Manuel Antonio citou nun dos seus versos como "a corda frouxa do horizonte", e dicir, a unhas catorce millas náuticas, se os que se quedaban en terra permanecían contemplando a fasquía do barco dende unha praia, e algo máis lonxe se o facían dende un alto; nese momento, cando barco desaparecía do alcance dos seus ollos, os familiares que foran despedir ós emigrantes, non tiñan a certeza, non poucos deles, de volver velos en toda a súa vida, nin de recibir comunicación ningunha provinte deles. Créanme os máis novos que non exaxero. Estou falando de hai algo máis de medio século. Claro que era posible ter noticias ou volver velos, pero non sempre prás clases máis desfavorecidas.

Hai sesenta anos, e máis, cando eu viaxaba dende a casa dos meus pais en Pontevedra, camiño do colexio menor de Ourense, previo paso pola casa da miña avoa, podía levarme sete ou nove horas recorrer os cen quilómetros no bus do Auto Industrial. En ben menos tempo, plántaste hoxe en Nova York. Daquela había ben pouco que a xente deixara de trasladarse dacabalo ou en carro, logo en dilixencia, tal e como se viñera facendo case que dende os tempos neolíticos. Pero dende entón o mundo botou a correr. O tempo cósmico transcorrido dende o comezo dos tempos a entón é un breve pestanexar, unha cen millonésima parte dun nano segundo... ou algo así de imperceptible. Por iso imaxinar en tempo cósmico o tempo que vai dende que o meu avó estudaba o bacharelato no século XIX a hoxe, non sei a vostedes, pero a min prodúceme vertixe se o relaciono coa velocidade dos cambios disfrutados, ou padecidos, dende entón. Hoxe o ser humano xa viaxou á Lúa, xa pousou naves en planetas lonxanos e xa enviou outras ós confíns da galaxia na que, a bordo deste pequeno lixo, pousado probablemente nun irritado ollo de Deus navega, en solitario e sen rumbo coñecido, o noso planeta mentres nos empeñamos en destruílo millor en canto menos tempo. Refírome á Terra, claro está.

Mentres navegamos polo éter de tal xeito, os humanos empeñámonos en acabar coa vida o máis rapidamente posible e, o que é aínda peor, en amargárnola cunha afouteza digna de calquera outra causa. A vida na Terra rematará algún dia, inexorablemente, millor canto máis tarde, pero tampouco hai que apurar o trago e non hai por que non aceptalo, que si o aceptamos, que remedio queda. Pero amargarnos os uns ós outros as propias vidas, creando un ambiente socio-político como o que estamos conseguindo establecer, antóllaseme un disparate que non imos arranxar por moito que clamemos a Deus preguntándolle por que nos fixo vivir nestes tempos e non noutros. Espero que se entenda a miña devoción por San Policarpo, débolle a única oración que me atrevo a formularlle ó Espírito Creador que os de formación cristiá chamamos Santo.

Te puede interesar