Opinión

A contenda por tela máis grande

Din os sociólogos, ó millor non todos pero cando menos si un feixe deles, que o home é un animal xerárquico. Se eu o entendo ben, isto explicaría que sempre ande o ser humano enredando a ver quen a ten máis grande... agás no recente caso dos teléfonos móbiles nos que a discusión consistía, daque, en ver quen o tiña máis pequeno... un contrasentido, algo contra natura solucionado en canto apareceron estes móbiles de agora que o fan todo por ti, mesmo rezar o santo rosario, e teñen unha pantalla grande na que, aínda os máis choscos, podemos ler sen lentes.

Esta xerarquización, este afán de ver quen é máis grande, quen ten máis forza, quen é máis rufo e quen está en posesión da verdade, ou do poder, esta xerarquización así entendida, pode explicar pola simple, digo eu, a perenne contenda na que vive o ser humano. Unha contenda na que vivirá ata que unha labarada solar desas que se dan cada douscentos anos, anos arriba, anos abaixo, nos churrasque a todos e o faga antes de que sexamos nós quen fagamos rebentar o planeta, esta pequena nave na que navegamos polo cosmos ó parecer sen rumbo fixo e desamparados. 

A labarada, se chega onda nós con forza abonda, esnaquizara ós nosos sistemas informáticos e arderá todo coma se fora unha caixa de mistos, nun caso, ou, noutro, seremos nós quen nos inmolemos, bombardeándonos a mantenta, de xeito que de sobrevivir volvamos ter que empezar de novo, unha vez máis. Entón xa ninguén saberá facer nada por enteiro dende o comezo e haberá que empezar de novo, no millor dos casos. 

Xa ven que non son moi optimista co que nos agarda pola proa. O único que lle pido a quen corresponda é que me dea tempo a morrer vendo que lles queda un mundo en paz ás miñas fillas; logo, ós meus netos, claro. E xa ós bisnetos, mentres non lles vexa as caras, non me darán tanto problema neste sentimento que me fai desexar pra todos un mundo habitable e digno, ocupado por seres bos, libres, intelixentes e de bos costumes, se mo deixan dicir así, como o dicían os vellos doutros tempos. Pero sospeito que un mundo en paz universal non o vai haber nunca... agás que logremos cambiar a nosa condición, a nosa condición humana, e iso non o vexo moi doado de acadar a tempo. Ou nunca.

A última paisaxe contemplada, á vista destas consideracións anteriores, é a que nos está ofrecendo Venezuela propiciando a vella disposición de bloques, a súa contenda, e facendo coincidir o escenario co que Roger Martín du Gard reproduce na súa novela "Os Thibault" e explican dun xeito meridiano a xénese da Primeira Guerra Mundial. Cuspidiña. Cuspidiña aquela paisaxe a esta que empezamos a contemplar hai xa algún tempo, pero de xeito que é agora cando comezan, mellor dito, continúan a ser evidentes e palpables para todos, os vellos argumentos que explican a internacionalización do conflito. Ou sexa e de xeito lóxico ás acusacións ós EEUU de tela iniciado co seu colonialismo intruso na vida dos países alleos e distantes da súa democracia. 

Confeso que a min Trump non me gusta, nin moito, nin pouco, nada, porque non me casa o seu comportamento co que a lectura da Constitución redactada polos Padres Fundadores me suxire e observo encarnado noutras persoas e noutros comportamentos políticos. Sucede que ó mellor esa internacionalización foi iniciada cando vinte tantos mil médicos cubanos foron enviados a Venezuela e non sei cantos miles de toneladas de petróleo venezolano viaxaron a Cuba que, recordémolo, defendera e espallara o colonialismo soviético polo continente africano e máis tamén polo sudamericán levando a guerra de guerrillas, a subversión dos valores dominantes pra seren substituídos polos seus. Un dereito lexítimo que ninguén lle pode negar a ninguén, mentres que o leve a cabo democrática e limpamente. E hai máis, moitos máis, exemplos dista internacionalización.

Confeso que si Trump non me gusta, tampouco non me gusta moito o imperialismo soviético, nin os seus derivados, pero non serei eu quen lle negue, vista e revista a condición humana, ese dereito a defender e espallar as súas conviccións, os seus credos e ideoloxías, polo mundo adiante, si é que é certa esa xerarquización, ese afán de poder, inherente ó ser humano. E, claro, sucédelle o mesmo a Norteamérica. Ninguén lle pode negar o que se lle perdoa a outros. O condenable, o reprobable son os camiños que conducen ós países á esas situacións, á eses deterioros da convivencia cidadán causados pola miseria, avalados pola pobreza e desenvolvidos co autoritarismo que as situacións provocadas impoñen.

Eu quédome, posto a escoller, coa Europa que os EEUU, senón a colonizaron, si a axudaron a consolidar nela as democracias parlamentarias que nos converteron ós europeos nuns seres privilexiados que viven, mal que ben e pese a todo, cuns sistemas sanitarios envexables, cuns sistemas educativos que aí están, apoiados por unhas constitucións que amparan os nosos dereitos, cunha firmeza envexable, unha vez que se contempla a nosa realidade dende outras áreas do planeta de xeito que, malia as recentes desigualdades causadas polos recortes e a política austericida, vivir nela, vivir en Europa sendo europeo, e aínda non séndoo, sigue constituíndo un privilexio. Teñámolo presente e dialoguemos como persoas. Non coma cans debidamente encirrados.

Te puede interesar