Opinión

Menos iogur e máis tetilla

Ouh, Nápoles! Bordeas o peirao por unha estrada de dous ou tres carrís na dirección que ti levas. Agora non o recordas con exactitude se son dous o se son tres e se son outros tantos na contraria. O trasego de automóbiles nunha e noutra dirección é fluído en constante. Uns van e outros veñen. De súpeto, o condutor do coche no que viaxas da un volantazo e irrompe no carril polo que circulan os que van na dirección oposta. 

Non se sabe como, pero o caso é que ó proceder así accedeu á unha rúa, perpendicular á da dirección pola que circulabas. Fíxoo, sen maior problema ou aspavento algún. O problema é que a tal rúa está cortada. Así o indica unha malla, desas de plástico cor butano, chea de furados pra que o vento non faga efecto vela e a leve a navegar polo badía ó pé mesmo dos oito ou dez grandes cruceiros que nel están atracados.

O teu auriga, estamos en Nápoles, disque Virxilio está enterrado eiquí, permitámonos pois o alarde léxico, nin se inmuta. Da marcha atrás e marcha atrás irrompe de novo na ampla estrada. Tampouco non se inmutan ningún dos condutores que seguen a circular na dirección oposta á que ti traias antes do primeiro volantazo. Non é que pecharas os ollos, pero o caso é que agora, o teu automóbil circula na dirección que levabas antes de saltar da estrada e topar coa rúa cortada, só que desta faino polo carril dos que levan dirección contraria. Cen metriños de nada de tal guisa e outro volantazo que te introduce de novo na estrada de antes do subidón adrenalínico non apto pra cardiopatas, cal é o caso.

En todo o proceso non se escoitou nin nun só claxonazo, nin se albiscou un mal xesto, ningún alarde de crispación. Nese momento decátaste de que no tempo que levas na cidade non albiscaches ningunha crispación nos condutores, nin estridentes e agudos asubíos dos gardas urbanos que, de vez en cando, moi de vez en cando, permanecen alleos, de costas á calzada, falando tranquilos entre eles en fatos de medía ducia, ás veces máis, perfecta e pulcramente uniformados, como se tal cousa non fora con eles. E ó parecer non vai.

O tráfico en Nápoles elles así como lles digo. Un disparate perfectamente organizado. Non se ve un coche aboiado, non se escoitan buguinazos de ningunha caste, non hai crispación algunha. Os peóns cruzan por onde lles peta, os automobilistas non respectan os pasos de cebra, nin falta que fai, porque todo é como a coreografía dun ballet ben ensaiado. Coches circulando marcha atrás por dirección prohibida, motoristas en plan ximkana sorteando peóns que lles dan pases toureiros da millor escola sevillana. Unha festa indescritible apta tan só pra corazóns valentes e arriscados, adobiados cun indispensable espírito aventureiro.

A forza de andar, dende o Corso Umberto I, vas dar á Via Toledo de xeito que dende a Piazza Dante ata a do Plebiscito podes axexar toda canta forma humana te poida sorprender. Nunha das igrexas que hai ó comezo do recorrido e da que, por moito que me aspen, non recordarei a advocación que lle da nome, uns enormes cortinóns vermellóns e dourados, colgan dende o elevado teito balizando o acceso ó altar maior. Mesmo ó pé del unha furna de cristal deixa ver a que de lonxe semella a momia dun bispo. A furna ten un furado circular nun dos seus laterais, polo que asoma o brazo momificado da alta dignidade eclesiástica que foi en vida o ocupante da furna. A man, estendida con levidade de dona post romántica, permanece languidamente exposta agardando os bicos dos devotos... ou tal me da por imaxinar a mín. Estamos no día dos defuntos. Seguimos camiñando pola Vía Toledo abaixo e imos deixando os vellos quartieri spagnoli á nosa dereita mentres vemos nenos disfrazados de Halloween exactamente do mesmo xeito que poderán estar locindo os que, a mesma hora ou á equivalente (estes napolitanos teñen case tres horas solares de diferenza con nós) estean a camiñar pola nosa Rúa do Paseo, ou cómo raios se chame agora, digamos entón que polo Parque de San Lázaro. O mundo estase volvendo algo aburrido.

Os graffitis uniformizan a estética urbana, as tatuaxes os fornidos brazos dos consumidores de anabolizantes e as gorras de béisbol o mesmo están reducindo a capacidade cranial de tanto macho alfa, todo referido ó ser humano, claro está, pois que calquer comparación feita por conta da muller ou da súa caixa da memoria podería facerme incorrer en delito de elevada felonía ó espírito reinante. Quen lle explicará, dentro dunha década, a un rapaz de obra de dez anos ó día de hoxe, que antes os nenos, en troques de se vestir cadavéricamente e prender unha vela dentro dun cabazo, acudían ós camposantos levando pendurados dos seus colos rotundos colares de castañas, quen? Iso e máis todo o que o día de defuntos conleva dende hai séculos ou milenios. E entenderao? 

Xa se sabe que un cravo quita outro cravo e que un rito sustitue a outro rito neste rápido quitate tí que me poño eu ó que estamos afacendo sen nolo ter debidamente ben pensado. Os ritos e costumes de nós, que veñen de tan lonxe, tiveron tempo e vagar pra nos facer como somos e o feito de sustituilos de repente, nun breve prazo de anos, estanos a converter no que nunca fumos nin nos recoñeceremos. 

Sen tradición non hai cultura e a nosa ven de tan lonxe que arrepía poñerse a cismar no que se decantará a que en tan breves e apurados estamos importando, nun par de décadas como moito. Estamos asistindo ó desartellamento do país e o peor é que estámolo facendo mentres asistimos impávidos ó desmantelamento da memoria colectiva. Máis castañas e menos cabazos, carano! anque non todo está sendo cousa de castañas e cabazos. Que vai ser do MACUF, do museo de arte contemporánea Unión Fenosa, máis recentemente coñecido coma o MAC, que deixou xa de ser galego e agora parece que mesmo vai deixar de ser museo e espallados os seus fondos sabe Deus de que maneira? Agora é propiedade Naturgy, que sorpréndanse non lles ven sendo un iogur senón unha empresa de enerxía. Teremos cóallo de non reaccionar ante elo? Deixaremos sen máis que se esfarele? Se menos cabazas e máis castañas, tamén menos iogur e máis queixo de tetilla!! E por aí seguido.

Te puede interesar