Opinión

O país nolo cambiaron

Non sei se tamén vostedes, pero o certo é que eu sigo coa teima destes días de aí atrás. Fágoo non sei se coma unha defensa diante da alborotada paisaxe política que, como era de prever, nos anda a deparar este outono atravesado e quente ou se ben polo contrario son eu o algo atravesado. A este respecto vostedes han pensar no que lles pete e non serei eu quen llo reproche. Sigo.

Ó día seguinte da festa do 12 do outubro -non sei hoxe, cando xurdan estas liñas nesta páxina de La Región- a festa seguía ha ser a mesma de xeito que o que a min me evocaba a contemplación das diversas actitudes políticas era que, dun momento a outro, alguén habería caer na conta do que realmente pasaba e se expresar como o do chiste aquel no que un dille a outro: Oe, qué facemos eiquí falando se isto podemos arranxalo a ostias? O chisteciño é duro e un algo irreverente, pero reproduce moi ben unha idiosincrasia que non poucos queren reducir localizándoa tan só nunha parte da xeografía hispana, pero que a min, cada ano que pasa, se me antolla máis xeral e compartida. Pra qué falar se podemos andar a paus? A verdade é que non me resulta moi atractiva proposición tal como a que tal pregunta encerra. Quizais por iso, quizais por fuxir diso e non me sumar ó carro, quizais, sexa polo que me da por escribir do tempo, como diría o clásico, de que verde era mi valle. Pois nesas sigo. Aí vou.

O outro día faláronme dunha moza, doutora en bioloxía pola USC -xa todos andamos coa teima ianqui de falar botando man das siglas; neste caso, escribindo USC en troques de Universidade de Santiago de Compostela- que ven de demostrar, se eu o entendín ben, que a diversidade da fauna propia dun lugar contribúe dun xeito esencial ó ciclo do carbono e por conseguinte a reducir os maléficos efectos dese cambio climático que tantos negan e todos empezamos a padecer.

Non estou eu capacitado pra dirimir este tipo de cuestións, ni pra argumentar en favor do que a doutora Sobral afirma pero se a persistencia das flatulencias do gando vacún -moito máis abundantes e intensas se comen pensos compostos, en troques de se alimentar de herba- afectan á capa de ozono non vexo eu que a retención no chan dun carbono que doutro xeito iría parar á atmosfera non axude a mitigar o exceso del que esa mesma atmosfera xa padece. Digo que non estou capacitado e dígoo ben pero, daquela, por qué teima con esta lideira destes últimos artigos? Un día que si xa non temos ras, nin sapos, nin píntegas, saltóns ou vacalouras; outro que si as donicelas desapareceron e con elas os teixugos, as martuxas, os lobos e os raposos; o mesmo coas perdices, paspallás, coellos ou lebres. Ó xoves seguinte dálle cos piñeiros e os eucaliptos que sustituíron ós carballos, ás nogueiras, os castiñeiros e vai arder todo; máis tarde que se a paisaxe é xa outra porque xa ardeu; logo que si temos o maior número de tractores sen utilizar de toda España o que é tanto como confirmar que temos a maior extensión de terra sen cultivar. E xa non me pregunto pola pesca e a perdida riqueza das nosas rías que nada ten que ver o que son co que foron.

O país non é que estea cambiando, é que xa nolo cambiaron contando co noso silencio, cando non coa nosa aquiescencia e mesmo coa xeral compracencia. Mentres tanto, se un pregunta por cál é o país europeo con maior extensión dedicada á agricultura vaise atropar coa sorpresa de que ese país é Francia, país industrial onde os haxa. Quere isto dicir primeiro, que unha cousa non está rifada coa outra, a industria coa agricultura e, segundo, que se lle veñen mal dadas e mal que ben os franceses han ter do que botar man e poderán seguir vivindo eiquí, algúns, levámonos un alegrón se vemos unha leira a millo; alí unha empresa ten contratado o uso deses espazos que hai entre os carrís das autopistas pra botalo e cultivalo. E nós? Nos poderemos seguir o Camiño de Santiago en sentido inverso aproveitando pra ofrecer os servizos de camareiros ós que tan mansamente estamos sendo inducidos dende hai moitos máis anos dos que somos conscientes e admitimos.

Sempre mudaron os tempos e mudaron os costumes, pero as paisaxes tardaban bastante máis en cambiar, moito máis en facelo se é que dalgún xeito cambiaban. Cando Estrabón describe a romanización da terra dos kallaikoi, dos galegos, xustifica o retraso atribuíndoo ós mestos soutos de castiñeiros que impedían a marcha das lexións romanas, imposibilitándoa. Home, algo vello si que xa o son, pero na miña nenez aínda permanecían as caducifolias sobre o chan galego. U-las hoxe? Embaixo delas había vida, a vida que hoxe non hai embaixo de eucaliptais e piñeiros que pode que sexan pan pra hoxe pero sen dúbida que son fame pra mañá se é que antes non arde Galicia enteira toda.

E nesas andamos e confirmamos o de que cada tolo coa súa teima, facemos evidente que o que non chora non mama e seguímonos ofrecendo a media corte celestial pra ver se algún dos seus compoñentes nos bota unha man, esquecidos como definitivamente estamos de que sí é certo aquelo de que a Deus rogando, pero co mazo dando, por se acaso.

Te puede interesar