Opinión

O que len os nosos nenos

Confeso, sen rubor ningún, a máis que supina ignorancia que disfruto (sí, que disfruto) respecto dos plans de ensino que padecen ou disfrutan os rapaces. Sei que aquel bacharelato noso aportaba unha formación humanística que hoxe é considerada totalmente innecesaria, cando non inconveniente, ós efectos produtivos actualmente en vigor; é dicir, os principios son xa outros e o mercado determinaos. É o que vai do intento de formar persoas á "necesidade" de producir persoal laboral en condicións óptimas de costo e rendemento. 

Ignoro, xa que logo, se nas clases de francés, por exemplo, os rapaces aprenden tan só o idioma de xeito que lles sexa útil e rendible ou se a maiores acaban coñecendo a cultura que o enmarca de maneira que, ademais, e a través das manifestacións culturais galas, a aprendizaxe lles resulte aportante e vivificadora. Quen asistise ás clases de Don Carlos Vázquez no Instituto do Posío saberá de que estou falando. Quero dicir e crer que os alumnos actuais, nas súas clases de idiomas, seguen aprendendo a coñecer as grandes figuras da literatura universal e acadando, grazas a elo, un nivel de formación que, a maiores dunha futura e boa inserción no mundo laboral, lle permita un mellor coñecemento da realidade humana, tan útil pra unha amable instalación na sociedade que o determina e move. A inquietude xórdeme porque contemplo a realidade coa ollada de outrora, a olla que a vida me deu e me mantén e, o peor, é o tan a gusto que vivo nela. Que é o que me inquieta? A ver se son quen de explicalo.

Con independencia de que o faga ben ou mal, mellor ou peor, de acordo coa última normativa ou en completo desacordo con ela, o feito e que levo lendo e escribindo en galego dende moi neno... algo que non era habitual nos tempos da que foi a miña nenez. Dende o internado do Colexio Menor, con dez anos, escribíalle cartas ós meus pais na nosa lingua, cartas que o meu pai gardou e que eu atesouro hoxe. Cando en vacacións chegaba á casa familiar dispuña dos libros en galego que os meus pais conservaban pese a todo. E había de todo. Dende a excelencia poética de Rosalía ata algúns outros textos dos que se pode afirmar que, o maior mérito literario que aportaban, era o de estaren escritos en galego. Non era pouco naqueles tempos, pero non era abondo.

Ó ler eses textos era inevitable a comparación coas lecturas feitas en francés ou en castelán e así tamén as feitas entre uns autores e outros de xeito que non resultaban moi beneficiosas pra asunción da realidade próxima, da nosa. Salvábanos Rosalía e algún que outro máis, daquela. 

Botando por diante a ignorancia recoñecida ó comezo e dando por feito que os rapaces acceden nas súas aulas ó coñecemento dos grandes autores da literatura castelá ou francesa, inglesa ou rusa, por exemplo, estremece pensar o que pensarán de nós mesmos, do seu país e da súa cultura, da súa realidade, ó constatar algúns libros de lectura recomendada por algúns profesores. No se pode, non se debe iniciar na lectura en galego a un adolescente que está lendo a Dostoievski ou a Shakespeare, indicándolle que o faga coa obra primeiriza dun autor en formación por moi amigo que este sexa de profesor tan irresponsable. Imaxínese o lector as consecuencias. Pero iso é o que temos. 

Nos últimos anos a dedicación do Día das Letras Galegas a figuras equivalentes á dese autor en formación, ven sendo case que sistemática mentres permanecen no caixón nomes eminentes da nosa cultura que son perfectamente exportables a outras sen que teñamos que sentir rubor algún senón unha íntima e grata satisfacción; esa dedicación, permítenos deducir por onde van os tiros e por que "o noso", a nosa autoestima colectiva, anda tan tirada como anda. 

E o mesmo sucede co acceso, digámoslle ritual, de mulleres á condición de membros da RAG. A cooptación debera indicar que, entre dúas propostas equivalentes, o voto se decantase por aquela más anímica, literaria, amical ou politicamente afín á maioría dos votantes. Iso entendese. Cómo non? O que non se entende é que, por exemplo, teñan accedido á condición de académicas mulleres con reducidos méritos literarios ou académicos, entendidos estes no seu aspecto científico e formativo, mentres que outras -por citar un só exemplo, Úrsula Heinze... que é algo así coma un luxo prá nosa realidade cultural- permanecen absolutamente ignoradas cando non excretadas deso que, en ocasións algo pomposamente de máis denominamos sistema literario galego cando, na maioría desas mesmas ocasións, non é máis que un conxunto de intereses consorciados entre un par de tendencias compostas por un cento de persoas que viven nun mundo propio e intranspasable, inaccesible ó resto dos mortais, permanentemente instalados nun Olimpo de pureza e rectitude cando menos sorprendentes.

A pouco que nos sigamos despistando cumprirase o medio século dunha autonomía equivalente, na súa regulación, á de non poucos estados federais. ¿Será cuestión de ir pensando en facer balance do avanzado, ou do retrocedido, de xeito que nos dez anos que restan podamos emendar o rumbo? Non é pequena pregunta a plantexada porque, mentres, os alumnos seguiran a ler a Dostoievski, por un lado, e ó amigo do seu profesor,por outro, mentres as Úrsulas Heinze seguen fóra da RAG.

Te puede interesar