Opinión

O que move o odio

Cada un de nós alberga dentro un sistema legal, un código de leis propias que, mal que ben, axúdanlle a sobrevivir ós embates, ós terribles embates da propia conciencia. Dado que existen non poucos tipos de esta, non poucos tipos de conciencia, por exemplo, a conciencia estrita, a lasa, a acomodaticia, a culposa, a elástica, tamén a boa e maila mala conciencia, en fin, unha pra cada momento, coma os principios de Groucho Marx, conciencias de quita e pon, segundo e cándo, segundo e cómo, é doado imaxinar que haxa xente que lle vira as costas ós amigos xustificándose de contado coa lealdade que a si mesmo se debe, coa fidelidade ós seus principios. Pode que teñan razón e en moitos casos terana; pero tal proceder a mín antóllaseme, falando en xeral, unha requintada expresión do máis nidio auto engano. Unha vergonzosa e cómoda, tamén covarde manifestación do auto engano.

Disimúlenme que escriba así, deste xeito que diríamos cheo xa que non de impudicia, sí, cando menos, de imprudencia; sí, de imprudencia, por canto ten de equivalencia co feito de pensar en voz alta. Escribir en voz alta. Velaí un xeito de reflexionar ó par de ir escribindo, atrevéndose a non deterxer o pensamento ou, nin sequera, a repousar o seu fluxo consentindo que flúa coma fluír flúe un regueiro entre os toxos.

O caso é que estamos vendo tantos acordos e trasacordos por diante e por detrás das esteladas, tantas idas y venidas; tantas vueltas y revueltas, que fan que un se pregunte se ¿son de alguna utilidad? e por se non fose abondo se, isa utilidade, se por trás delas e da súa utilidade, non se estará a ocultar un código de leis morais que permite o sen número de deslealdades, de infidelidades que se están a cometer pra cos outros entornos territoriais con idénticas aspiracións en canto a manter vivas unha lingua e unha cultura propias.

En ocasións puidera chegar un a pensar que cando o odio se acovarda e induce reaccións contrarias en breves espazos temporais, adoita disfrazarse e facerse chamar xustiza; unha xustiza que ardorosamente se reclama argumentando a base de sofismas e convencéndose de que odiamos algo cando en realidade unicamente odiamos unha idea que comodamente encarnamos nunha colectividade, identificándoa con xentes que son coma nós no seu conxunto e que só consideradas individualmente, algunhas delas, responden á esencia dese odio visceral que sentimos cara elas.

Vivimos nun columpio. Agora convoco eleccións, agora non as convoco, agora prometo reformar a Constitución, agora digo que foi un falar e que boas viñas hai en Toro e, mentres, medra o número de cataláns que odian a España e ós españoles, o de españoles que odian a Cataluña e ós cataláns, os cataláns que odian a outros cataláns e o de españoles que de novo miran polo rebique do ollo a outros españoles polo mero feito de manter unha opinión sequera minimamente enfrontada coa deles. E por suposto que os chamamentos á Xustiza, dun xeito ou doutro, proliferan a ambolosdous lados do espectro político compartido. Estamos a vivir non medio e medio dunha pantasmada.

O odio, cando menos considerado historicamente, moveu sempre máis que o amor; mesmo se podería afirmar que leva sido quen máis leva mobilizado á humanidade, empuxándoa cara iso que coñecemos como progreso pero tamén, e en medida proporcional, cara iso que chamamos retroceso. O odio ó infiel, ó odio ó distinto, ó diferente ou descoñecido, a outra lingua ou a outro deus inza máis con moita máis violencia nas situacións nas que non implica ningún risco ou mesmo nas que o risco está en non se sumar á maioría, en non se sumar ó fluxo dese odio que mesmo pode chegar a producir beneficios e honores. A receita vale prós dous bandos en liza.

O odiador, chamémoslle enmascarado, o que se suma sen máis á opinión reinante, non o profesional do odio porque iste gardase moito de manifestar as razóns verdadeiras do seu odio, unhas razóns quen van dende o sentimento de inferioridade á envexa, dende a profesión dunha fe cega e/ou interesada, a un pensamento que se diría máxico na medida na que aporta explicacións desta índole cando nos as atopa racionais, ese odiador, exaxera as cualidades negativas da sociedade odiada na mesma medida na que ensalza as propias. Así expresado non faltará quen identifique o odio reinante nunha das partes en conflito e só dende certa equidistancia, que non indiferenza, se avirá un a aceptar que os síntomas así resumidos son ofrecidos dende os dous lados da realidade que de vagar vai envolvéndonos a todos.

Unha das manifestacións máis claras de que isto se non é así ben puidera selo, é o feito de que xa hai tempo que os respectivos campos semánticos están sendo invadidos. O proceder mal que ben descrito nos parágrafos anteriores, require certo esforzo de asunción do odio existindo, como existe, o procedemento que se insinúa e o feito de que é moito más se ir apropiando de palabras e conceptos utilizados "polo outro" ou en desvirtualos converténdoos en negativos ata utilizalos como escarnio ou como insulto.

Logo de non pequenos esforzos chegamos xa ó momento no que a palabra democracia é utilizada alevosamente e no que a palabra xustiza ten tamén un valor distinto, segundo quen a utilice e segundo sexan o lugar, o momento e a circunstancia no que se bote man delas. A ónde pode levarnos todo isto, o mareo que nos pode acabar causando ata nos confundir de adversario é algo que cada quen debe valorar pero non sen antes facer deixación do pensamento máxico e dos seus controvertidos beneficios á postre sempre tan deleterios e prexudiciais pró conxunto do corpo social. De nos ser así acabaremos por facer bo o aserto de Goethe: "Ditoso aquel que se pecha ó mundo sen odio..." xa saben o noso equivalente de que cada can que lamba o seu caralliño.

Te puede interesar