Opinión

O ser humano e así

Unha das afirmacións coa que non se pode, nin se debe, estar máis de acordo é coa que sinala que o feito de que o ser humano sexa considerado un ser racional, non se trata máis ca dunha fermosa e mera hipótese de traballo e, o que é moito peor aínda, que non está refrendada por ningún ser superior; ou sexa que somos nós quen argallamos tal patraña pra logo quedármonos tan contentes e satisfeitos de nós mesmos como se dixeramos algo intelixente.
Que non somos seres superiores debera indicárnolo a facilidade coa que o enxame humano é quen de ir tras dos embaucadores, facéndoo de contado, sen se ocupar en discorrer nin reflexionar no que esta a facer sequera sexa un par de minutos. Ríanse vostedes do frautista de Hamelin; xa saben, aquel señor que sen máis que soprar e soprar na súa frautiña, senón travesera si algo atravesada, arrastraba tras del a milleiros de ratas que dirixiría directamente a un precipicio. Pois, fóra a alma, nós, igualiño.Nos tempos aqueles nos que sempre había alguén que te propuña que foses a Caldas de Reis a dicirlle a non sei

quen que o corvo se pousara na ventá; é dicir, naqueles tempos da loita política clandestina, dos que xa ninguén parece ter recordos ou sequera noticia algunha, existiu un señor chamado Mao Tse Tung, coñecido hoxe por Mao Zedong o que ven sendo o mesmo pero en fino e actual. Tamén Pekín xa non é Pekin senón que agora é Beighing. Pois ise señor Mao mandou que os chineses acabasen cos pardaos e que o fixesen canto antes non fora ser que os pardaos acabasen eles coa colleita de trigo e os deixaran sen unha mala codia de pan que se levar á boca. E sen pensalo máis, acabaron con todos eles. Non deixaron nin un. A paus, a cantazos, con liga ou con redes, igual tamén a tiros, eu que sei con que, o caso foi que acabaron con todos. Non quedou un pardao en toda a China. Levados da fe cega no seu lider, uns; empuxados pola histeria colectiva, outros; por medo ás represalias, non poucos deles; o feito foi que na China desapareceron os pardaos; así, sen máis, sen unha reflexión previa e necesaria.

Tan foi así que ó non haber pardaos os insectos tomaron posesión do reino. Grilos, saltóns, caramesas e demáis bichiños convertéronse nunha praga aínda peor, de xeito que houbo que empezar a importar pardaos doutras latitudes e a todo correr. Lectores haberá que adxudiquen espírito tan emprendedor á idiosincrasia chinesa e nos recorden que outras das ordes seguidas fielmente foi a de aproveitar a feces fecais de maneira que tódolos chineses acudían ós seus postos de traballo portando nunha bolsiña o seu pasteliño correspondente. Pois non, non señor. Non é cuestión chinesa, é cousa do ser humano que é así e así seguirá sendo.

A cousa non queda neses exemplos anteriores. Seica foi o papa Gregorio IX quen, predicando que unhas bruxas foran pilladas nunha xuntanza presidida polo demo en forma de gato negro, provocou que non quedara un gato en toda Europa de xeito que, desaparecidos os micifuses e os zapiróns todos, apareceron as ratas e tras das ratas unha peste que causou máis mortes que todas as guerras anteriores.

Todo consiste en que unha afirmación de calquera índole deveña nunha fe cega. A tolemia colectiva que afectou ós alemáns a través do nazismo provocou millóns e millóns de cadáveres. O mesmo sucedeu coas conviccións marxistas unha vez que xeraron un estado totalitario que se levou por diante a millóns e millóns de seres, entre eles ós seus propios militantes. Adoita suceder así cando unha afirmación devén nunha fe e convértese nun sentimento que pode facer brotar, e de feito así o fai, o máis nobre e o máis abxecto de todo canto colle na alma humana.

Non temos que ir moi lonxe pra constatar esta evidencia. Mentres uns mataban a outros por seren curas ou monxas, ricos ou de dereitas, outros, levados de que o quinto mandamento, o que di "non matarás", trocara en "matarás con xustiza" cando non en "matar roxos non é matar" aplicábanse con fervor na eliminación dos que non eran considerados como "españoles de bien" pois estes ó parecer só eran uns. Isto por unha banda. Pola outra os asasinos tampouco necesitaban de maiores reflexións. Era abondo con que foses cura, rico ou de dereitas. 

Vivimos días nos que o sentimento relixioso da política empeza a agromar de novo. A súa concepción coma un sentir, máis que como un pensar, está facendo aparecer a vella consigna dos "españoles de bien" e dos que non merecen ser así considerados. Confeso que só pensar en que tal realidade aboie máis do que xa o está a facer, a min, non sei a outros, preocúpame. Outros haberá ós que lles satisfaga. E iso preocuparíame aínda máis. Criamos que tiñamos aprendida a lección e resulta que a copiaramos doutros e agora estannos a pillar, non coa chuleta, senón coa lección enteira gravada a lume na propia pel. Levamos tempo discutindo se son galgos ou podencos, se é culpa duns ou culpa doutros, cando é culpa de todos. Seguimos sendo, a continuación de Camboia, o segundo país do mundo con maior número de foxas comúns e mentres non caiamos na conta de que todos os mortos caeron defendendo o que creron millor pró seu país, pro país común e compartido, e que todos merecen respecto e dignidade, andaremos dando voltas á roda da Historia coma asnos xunguidos a unha noria.

Te puede interesar