Opinión

Partitocracia e políticos profesionais

Cúmprense hoxe corenta anos e non sei cantos días dende que quedara todo atado e ben atado -coido que deso non haberá dúbida- e resulta que agora é cando nos estamos desatando. A transacción habida entre os que saían da ditadura convencidos de que esa, a súa, era a saída ineludible e necesaria, entre eses e os que viñan da oposición seguros de que facer política é negociar, ceder, obter eiquí unha vantaxe, alí unha concesión, foi o que facilitou que a partires de entón pasásemos todos dende unha ditadura (que se extinguiu deixando ben claro do que se trataba; recórdese que dous meses antes aínda fusilaran a cinco presos da oposición ó réxime) á convivencia que durou o que durou e que hoxe cruxe e crepita facendo uns ruidiños que, déixenme que llo diga, encollen o corazón... por non dicir que outra cousa.

Durante corenta anos, o reino das Españas, percorreu un longo camiño de melloras materiais como nin nas douradas épocas da masiva chegada de ouro procedente das Américas se lle fora permitido recorrer; millor dito, lle foi negado. Mentres ese ouro era empregado en defender os intereses imperiais dos Habsburgo, moito máis europeos que españois, moito menos relixiosos que imperiais (malia ser "de relixión" as guerras mantidas baixo eles) a nosa presenza a carón da Europa significou esa millora das nosas condicións de vida nunha proporción tal coma nunca fora habida... nin soñada.

A Constitución é carta de presentación, a guía de ruta que o fixo posible. Vivir en Europa, ser europeo, constitúe un privilexio envexable contémplese dende calquer lugar do mundo dende o que se contemple. Europa é o espazo de maiores liberdades, de maior nivel cultural dos seus cidadáns, de maior nivel de vida do mundo e de maiores niveis asistenciais. España destaca no medio e medio de todos os países do mundo grazas a unha asistencia sanitaria todavía incomparable, a unha vías de comunicación en xeneral exemplares e a unhas leis sociais que constituíron paradigma. Hai máis exemplos. Tamén en sentido negativo. 

A Constitución, toda ela, fixo posible todo canto de positivo queda dito e aínda moito máis. Só o negarán os deliberadamente cegos de nostalxia. Pero tamén a é a que fixo e está a facer posible o deterioro político no medio do que nos atopamos. É certo que os pais da Constitución foron sete, pero no é falso que os comadróns que aplicaron o fórceps pra atender a un parto que se presentaba distócico foron unicamente dous, a saber; Fernando Abril Martorell e Alfonso Guerra. Foron eles dous os argallantes do que eles mesmos chamaron "a necesidade de profesionalización dos políticos", os dous os causantes da mediocridade actual dsa clase política e dos resultados que, tal e xeral mediocridade conleva, na hora da aduxicación de responsabilidades referida á crise xeneralizada que estamos a atravesar.

É certo que os tempos así o reclamaban. É verdade que a atomización partidaria existente daquela, con máis de duascentas siglas en danza, así o reclamaba e había, xa que logo, potenciar a consolidación dun arco parlamentario sostido por dous, tres ou catro partidos e non é mentira que pra elo resultaba preciso que os seus militantes se dedicasen por enteiro a tal tarefa. E así foi. Gratitude pois a eles. O problema é que asentados os partidos, substituídos aqueles primeiros políticos democráticos, dun e doutro costado, fóronse asentando nos seus seos, incrustándose nas súas estruturas, unha manda de profesionais da política, formados nas escolas de verán dos respectivos partidos, coñecidos como os fontaneiros, alleos por completo á realidade cotiá, que, admitamos que de xeito insensible (hai que ser bos) coadxuvaron decididamente ó deterioro actual.

A tal e obvia realidade hai que se sumar a da aportación ó deterioro que a presenza das listas pechadas engade á confusión actual convertendo a nosa democracia nunha partitocracia real na que os electores pouco ou nada é o que pintan no conxunto dun xogo político que debera ser común e colectivo. Os electores non elixen deputados que os representen. Ninguén ou case ninguén sabe o nome do primeiro da lista do partido que votou. Sabe tan só a sigla pola que o fixo. Coñece o nome do líder proposto por Madrid. E punto.

A xente non elixe ós deputados e son os deputados quen elixen a quen, a indicación do seu líder, ha rexer o país. Logor, ha ser dediante deste líder, ante quen terán que render contar dos seus actos en troques de o ter que facer ante os seus electores. Nada se move, polo tanto, se non é coa orde do líder respectivo e que ninguén ouse oporse a el porque se o fai non ha ir nas listas nas próximas eleccións e corre o risco de que se lle acabe o choio.

Hai que reformar a Constitución, non só neste sentido, tamén noutros. O problema consiste en que os actuais representantes non han proceder do mesmo xeito que levaron a ramo os deputados nas cortes franquistas, empuxados por unha realidade social e histórica que así llo reclamaba, cando non pola propia conciencia, que de todo houbo. Hai que transformar noutra a condición dos nosos representases. Mentres tal cousa non se consiga o resultado ha ser o mesmo que se obtén cando, tendo fame, te forras a bicarbonato como se viñeras de agasallarte cun cocidiño como o que despacharon o outro día os meus compañeiros de Instituto do Posío. Comeron coma lobos.

Te puede interesar