Opinión

Segundo me de a gana

Ocorréuseme caer na tentación de facer caso a iso dos algoritmos que ó parecer tanto afectan ó Facebook e, ó carón de centos de respostas xenerosas e mesmo amistosas, enviáronme un messenger, que ven sendo ou pretendendo ser algo así coma unha mensaxe oculta, tan só un numero de teléfono, un texto que só pode ler o destinatario, no que se me pon a feder non sei ben se por escribir en galego, se por facelo en castelán, se por facelo nos dous.

Confeso que teño un problema grave. O finado de Paco del Riego, ou Don Paco como el gustaba ser chamado, diría que é porque "non sei estar". A verdade é que algunha razón non lle faltaba. Non sei estar. Hai días que me levanto e reflexiono: ¡Recoño, cánta razón teñen estes que queren que só escriba e fale en galego!" Outros días, en troques e moi contra o meu sentir, que non contra o meu pensar, vou e o que me digo é: ¡Cáspita! -o de cáspita ven sendo porque, como saben, son moi fino e de moi boa familia, así que sigo e repito-, cáspita, pois algo de razón teñen estes que saben dicir show e shop, e choose, e wicht, e wash, en inglés, e máis cheveux e chevau, en francés, e non dan dito Sanxenxo nin que os afoguen pois o seu debe ser cousa xenética ou algo así; eu que sei, condutismo puro e a onde vai Vicente sempre vai algunha xente.

Outros días, lendo algúns argumentarios, ou porque agora, cos anos, un vai facendo menos uso do sacramento e ás veces levántome de mal café, o outro día, contemplando determinadas actitudes e escoitando concretos razoamentos ó respecto, teño que recoñecer que me valen de pouco e encrespan moito e que, créndonos unxidos por Breogán ou por alguén da súa celestial corte, os que dicimos Sanxenxo e se vou a Bueu no bou, vou; pero se non vou a Bueu no bou, non vou e tamén está chovendo, xa cho vexo, conste, levamos as de perder e nin adiantamos nada senón que, cada vez, a cousa vai a menos. A cousa ven de vello. Hai moitos anos, cando Caixa Ourense tiña un salón de actos por onde estivera o Hotel Barcelona e máis o Orfeón Unión Orensana, no que se celebraban campionatos de billar a tres bandas, ónde vai a data, é dicir, case que enfronte de onde hoxe ten unha estatua o finado de Blanco Amor, intervimos nunha mesa redonda varios escritores. Que eu recorde, estaba eu (o burro diante pra que non se espante) estaba Casares, estaba o Rivas e non sei se tamén estaba o Suso de Toro, agora mesmo non o recordo. O caso é que eu recoñecín que eu co meu pai sempre falara en galego, que se falaba en castelán co meu irmán dábanos a risa frouxa ós dous, que se o facía en galego coas miñas irmas a cousa resultaba algo violenta e seguín por aí, co resto dos achegados, as amizades, as fillas, os sobriños e demais familia (a empresa poría autobuses en caso de necesidade) e o caso foi que os demais escritores, unha vez citados en tercios, coma os mihuras, recoñeceron de xeito paladino o mesmo exercicio de dereito. Ó día seguinte, a prensa mencionoume a min coma único renegado. O dito, é que non sei estar.

O caso é que eu escribo e falo en galego ou en castelán, cando me da a gana, como me da a gana, con quen me da a gana e do que me da a gana. O caso é que o único xeito que teño, coñezo e quero de ser español empeza por ser galego. Se non son galego, se non me deixan ser galego, entendendo por tal exercicio o de recoñecerme de nación galega, de fala e costumes galegos enraizados nunha tradición milenaria, non sei, nin quero, nin podo sentirme español. O caso é que se despois de ter nacido no seo dunhas familias, a materna e maila paterna, a dos oitos bisavós, os dezaseis tetravós, a dos pentavós e por aí seguido, na quen houbo de todo, dende escritores e poetas neoclásicos a románticos, dende historiadores e cronistas a médicos, boticarios, avogados, lampantíns de toda caste, golfos significados, vagos pero non maleantes, algún que outro clérigo e mesmo algún beato que se expresaron en castelá,n según lles petou ou consideraron oportuno ou conveniente, non serei eu que renegue desa tradición e desa historia da que tamén son consecuencia.

Así pois, meu ignorado remitente dese messenger maldito,ó que me di no seu escrito só teño que engadirlle que fronte ó que vostede leve feito polo país e pola lingua que afirma defender, só podo opoñerlle, ó meu favor, de quince a vinte mil artigos en galego, toda a miña obra literaria, o coñecemento derivado do espallamento internacional e dos premios recibidos por aí fóra -pois é ben sabido que dende que lle deron ó Griffon o Blanco Amor non merecín nada, nin recoñecementos nin distincións, e que aí lle quedan prá súa consideración, as leis galegas que propiciei, aquelas nas que intervín, os decretos leis que saíron da consellería de cultura cando eu a dirixín, as institucións que creei, aquelas outras ás que botei andar ou lles din o pulo necesarios pra facelo. Compáreo todo co que vostede leve feito e aportado ó común acervo e saiba que seguirei escribindo en galego ou en castelán, según me dea, porque a verdade é que non sei estar, nin quero, en posesión non tanto dunha opinión única coma dun pensamento único e quero pensar libremente mesmo que, ó final, o que quedan son os feitos moito máis cas afirmacións solemnes dunha fe que só se practica de boquilla ou cuspindo ó aire mentres se fala. E o que lle digo as vostedes vale tamén pra outros.

Te puede interesar