Opinión

O do domingo non foi un cambio

Vaiche boa, Vilaboa! A preguntiña a nos facer élles a de cándo se gaña? cando un obtén máis do que tiña? ou cando perde máis do que obteu? Dise porque se alguén tiña once escanos no pleno dun concello e agora vai disfrutar de catro, cabe pensar que sair, o que se di sair, saéu perdendo. E se iso conleva a perda do poder que se tiña e se non serve pra entender o que pasou e se poñer a emendar a plana de contada, pois iso, vaiche boa Vilaboa! E así en miles de casos nos que se penalizaron a corrupción e o descaro, a prepotencia, cando non a chulería, o despilfarro e por aí seguido.

O PSC e mailo PSGdeG/PSOE que se o entendo ben así se seguen a chamar, aínda que por abreviar poderemos escribir PSG, o PSG e mailo PSC, baixaron. A hora de se preguntar por qué, cabería porse a cismar, sequera fose un ratiño, en si tería algo que ver o feito, o máis que constatable feito, de que dende saída de Laxe da presidencia de Galicia, o partido no que aínda milita foi deixando que debecera paulatinamente a expresión galega, o compromiso galeguista expresado no amparo á lingua e á cultura do país subliñado nas súas siglas.

Quen escribe, que vive o abondo lonxe dos cataláns coma pra non se enteirar moito das súas cousas –eles son moi deles, xa é sabido- case se atreve a dicir que, dende que Pascual Maragall abandonou o poder, ese mesmo compromiso, foi perdendo vixencia ata dar de fuciños con eses catro concelleiros obtidos pra ser tan escasamente representado no concello da cidade condal. 

Tería algo que ver no asunto ese empobrecemento do compromiso coa xente e máis coa cultura propia dos paises nos que, unha e outra forza socialista se asentan? Queda á consideración dos lectores dirimir se si ou se non, xa saben que a min o que me gusta é enredar sen ter que dar moitas respostas.

Pero sigamos batendo o cobre, ou como vostedes prefiran dicilo porque xa saben que, mentres sube e baixa o pau, descansa o lombo. O mesmo baremo que se lle está a aplicar ó PSG e máis tamén o PSC, valerá pró PPG e o seu equivalente catalán? Pois vostedes dirán. Pero teño p ra min que non deixa de ser sintomático o feito de que a única presidencia provincial que os populares continuarán detentando sexa, precisamente, a ourensá. Sabido é o trato que o presidente provincial dispensa á cultura de nós e ás súas máis diversas expresións e igualmente coñecido é o que o conxunto do seu partido lle presta; máis ben pouco e un algo atravesado. E eiquí en Galicia aínda menos mal, porque se temos en conta o labor –por chamarlle dalgún xeito- propio do ministro Wert e dos seus correspondentes cataláns a cousa sería de estremecemento.

Item máis. As forzas que emerxeron alá no país catalán, xa saben, no hemisferio oriental, e máis tamén eiquí, neste noso e occidental, tan distantes e hoxe non tan distintos, son forzas que poderemos consideirar comprometidas coa realidade cultural e lingüística do país? Digan vostedes o que queiran, pero pra min teño que sí. A cousa, non sei se moito ou pouco, algo debeu ter que ver co asunto que tratamos.

Non se pode gobernar contra a xente, nin arredada das súas preocupacións cotiás, nin á marxe do seu sentir e, no sentir noso, é importante e decisivo o respecto polo que consideiramos propio. Propio de nós son tantas cousas que, como hai que seguir a falar do que hoxe está pasando, quizáis non sexa o día de nos referir ó que nos está pasando sempre, senón ó que está a pasar agora. Pero xa o faremos. Hoxe non toca.

Mentres haberá que falar de qué Marea subeu, de que marea abalou en Galicia, e cál é forza que o fixo en Cataluña. Pois miren vostedes, por falar de Compostela, Martiño Noriega ven de onde ven e coido que pensa seguir coa mesma folla de ruta. Ada Colau xa mo dirán vostedes. Eu de ser do PPG ou do PSG, amén de reparar nalgunhas moitas outras cousas que non fará falla recordar, repararía na necesidade de se entregar á causa da cultura propia de cada un dos territorios. 

Comprobarán que eiquí non se fai referencia ós bascos, pero é que este escribidor de ustedes, desde que navegou con eles e logo tamén comparteu o servicio militar con xentes daquel pobo, comprendeu que viven noutro espazo intelectual e renunciou a comprendelos por moi solidarizado que se sinta cos máis dos seus afáns, terrorismo excluido, naturalmente. 

Temos que ter moi en conta que o que se produceu o domingo non foi un cambio. Non minten os dous partidos maioritarios ó afirmar que teñen o maior número de votantes no conxunto da peninsua porque é certo. Sen embargo non é mentira que, en ocasións municipais, á xente vota, moito máis que ó partido, ó cabeza da súa candidatura, á persoa. Por iso a consecuencia a obter non é a de que ben saímos, senón máis ben a de se preguntar por qué, ónde os casos de corrupción forn máis acusados, se perderon maiorías antano tan doadas. 

Valencia e Rita Barberá poden ser un exemplo paradigmático do que se di. Probablemente non haxa delito algún cometido pola señora que agora sí debe sentir “caloret”, cando menos nas meixelas. Alí houbo despilfarro e prepotencia, suntuosidade e luxo, mentres ós cidadáns as estaban a pasar canutas. E iso, tarde ou cedo, págase. 

O que se producíu foi a posibilidade do cambio. Agora é evidente que iste poderá chegar da man das próximas eleccións xerais que, por certo, cabe preguntarse de deberían ou non ser anticipadas. Recorden que nas do 1931, naquelas outras e municipais, no seu conxunto, gañaron as forzas conservadoras e que, non obstante, o rei abandonou o trono e marchou para Italia. Recordase por se alguén debería tomar nota.

Deica alá, deica as vindeiras eleccións, os pactos, si se producen, ou a falta deles, máis o comportamento dos diferentes partidos ó cumplir ou ó deixar de facer o que prometeron, tamén as alianzas que establezan, determinarán sen dúbida a posibilidade de que o cambio empece a ser real. 

O que si é certo é o cambio entre o electorado. Non sei se a crise, pero estou convencido de que a xestión dela, o xeito de afrontala enrequecendo a unhas minorías, triturando á clase media e convertindo pouco menos que en servos da gleba á maioría dos cidadáns deste país común que chamamos España, está a ser o gran motor do cambio que estamos a experimentar. Dise porque haber debería haber, e de feito hainos, outros xeitos de afrontar a crise e de solucionala. 

Te puede interesar