Unha tromba de puritanismo

Unha tromba de puritanismo

Conta Carmelo Lisón Tolosana naquel seu libro titulado "Antropología socio-cultural de Galicia", editado que foi noi seu día por Siglo XXI, que pola zona de Muros, cando unha rapaza quedaba preñada, quen deshonraba á familia e tiña que reparar a perda desa familiar honradez, así deteriorada, non era ela, senón el. Nada máis distante da moral castelá que consideraba deshonrada á familia dela, adoitaba empuxar a criatura ó hospicio e á nai da criatura ó exercicio no que puidese continuar exercendo a gusto, ou a desgusto, amateur o afeizoada, ou só en ocasións determinadas, tan hixiénico exercicio como é o previo ó da concepción dun ser. 

Claro que, daquela, había hospicios en Galicia e naturalmente que neles estaban acollidos rapaces de todo tipo, orixe e condición; uns, por ser fillos de padres sen recursos, os máis, e outros por selo de nais solteiras sen posibles: A mesma Rosalía foi ingresada no hospital que hoxe coñecemos como Hostal dos RR. CC. pero non chegaron a tatuala: rescatouna a súa nai tan axiña coma soubo ónde lla levaran. E naturalmente que había fillos de nais que exercían a prostitución pero, o apelativo de fillos de puta reservámolo prós que o son só por méritos propios e non por causa da ocupación laboral das súas proxenitoras. Hoxe cambiaron tanto as cousas que mesmo haberá quen crea que estou a recordar cousas que non sucederon nunca, alá eles. Será que xa ninguén le a Lisón Tolosana, digo eu, porque ir ás aldeas, a aquelas aldeas de antano nas que estas cousas eran posibles, empeza ser algo realmente complicado. Están deshabitadas, abandonadas, os lumes apagados, os costumes esquecidos, a lingua deturpada; pertencen a un mundo que xa foi e que se nos esvaeu como auga entres os dedos. Foi un lene bris que o vento da historia se levou con el. Élles o signo dos tempos.

Nesa zona de Muros aínda era posible escoitar dicir, a carón de "o meu home", "a miña homa"... no caso de se referir á propia conxugue. Confeso que hai ben anos que xa non o escoito así. No resto das rías era doado escoitar ós curas dicindo que estaban fartos de casar a tres, ou a máis, dependendo do número de mareas nas que o home vira decorrer o seu tempo.

Eu, que ó parecer son de opinións contraditorias, coido que o cambio comezou ser posible cando entrou a televisión nas casas e a xente puido ver programas como aquel espléndido "Estudio 1" no que tantas boas obras teatrais foron interpretadas, maiormente as do Século de Ouro español. Obras nas que o concepto de honra calderoniano. “Al rey la hacienda y la vida / se han de dar; pero el honor / es patrimonio del alma,/ y el alma solo es de Dios" por dicir algo e ver de insinuar por ónde van os tiros, cando menos á vista de tal recordo e de tal autor que nada ten que ver, por exemplo, co que o clero galego predicaba no século XVI, cando afirmaba que a fornicación non era pecado. 

Parecería que non fose así, pero o certo é que a función didáctica do teatro funciona, cando menos, dende Grecia, e axudou a conformar mentalidades e condutas colectivas. O mesmo que os refraneiros. Ou seica o feito de escoitar dende nenos que o que rouba a un ladrón ten cen anos de perdón non empuxou a máis de un a determinadas consideracións; por exemplo e tamén a modo de recordo, aquela pintada que no seu día apareceu n'O Grove afirmando que "roubar á Igrexa non é roubar". Tempos houbo nos que o quinto mandamento da lei de Deus foi redactado indicando que "matarás con xustiza", feito que derivou noutra e máis asañada consideración: a de que "matar roxos non é matar" que empuxou a tantos a traducila como que "matar azuis tampouco non é matar". Xa me dirán vostedes! Estás normas de comportamento resúmense en sentenzas xudiciais de absolución que calificaban os asasinatos como "homicidios por exceso de patriotismo" cando non por un fervor ideolóxico exacerbado e pra que non se pense que do outro lado non houbo bestas.

Nestes días, nos que andamos (máis ben andan, uns e outros,... tal pra cal) a quitar e poñer lazos marelos, non estará de máis que se recorden algúns que outros destes extremos pra ver de evitar a tromba de puritanismo que se nos está a vir enriba con tal forza que xa empezamos a confundir de novo o cu coas catro témporas do ano. Un rapaz de Carballo contou algún chiste sobre xitanos e está a ser "vapuleado" nas redes por causa delo, pero ninguén está dicindo nada sobre os centos de ameazas de morte que se lle levan feito. 

Mira que os galegos non levamos escoitado chiste sobre nós; sobre os nosos costumes e os nosos hábitos morais sen que ninguén das almas sensibles que agora se alporizan, encristándose coma galiñas, dixera nin ostes nin mostes, nada, nada de nada, e sen que nós ameazaramos a ninguén. Deberiámolo telo feito? Teríanos respectado máis por elo? Será este un país de galiñas? Poderá parecelo? A de preguntas que se me veñen ás mentes vendo a deriva que seguimos! Certamente as pitas son animais crueis. Abonda con que unha delas apareza ferida pra que o conxunto do galiñeiro se lle bote enriba, peteirando nela, ata deixala convertida pouco menos ca nunha pulpa sanguenta. Será España algo así coma un galiñeiro. A verdade é que se nos está a alborotar de máis o común galiñeiro, ou tal se me antolla a mín.