Opinión

181 anos

Non é doado. Polo de agora, en canto a biotecnoloxía non sexa quen de ralentizar o envellecemento das nosas células e das nosas neuronas, é fisicamente imposible celebrar un aniversario tal co protagonista dos anos capaz, aínda, de soprar as velas.

E se isto é, hoxe por hoxe, un imposible, non é moito máis doado que o ronsel que deixou tras do seu paso pola vida alguén se manteña aínda visible como para que lle celebren a un o seu 181 aniversario.

É difícil, pero non imposible, xa que logo, eu, nantronte, estiven convidado a un e participei del con toda a cerimonia que un aniversario tradicional esixe, é dicir, con tarta e soprado colectivo das candeas.

Participei en Ponteceso, terras fendidas polo río Anllóns que se achega ó mar a carón do Monte Branco e se adentra intrépido nel nas augas feras do Roncudo, onde dis que recrean e osixenan os mellores percebes do mundo.

Foi nunha pequena aldeíña que se chama Couto, en cuxa igrexa parroquial foi bautizado daquela un neno que había dedicar a súa vida á poesía e como dixo Anxo Moure no acto, a "escoitar ós rumorosos", é dicir, ós pinos que co tempo pasarían a seren protagonistas directos do himno que nos une e que nos identifica.

Alí, a carón da devandita igrexa, que noutrora servira de casa-habitación ó cura da parroquia, acubíllase do vento e da marusía dende hai uns cantos anos xa a Fundación que leva o nome do poeta ó que aludo. Ou sexa, ó bardo -que todos chaman- Eduardo Pondal.

E é que dende hai dous ou tres anos, os comprometidos responsables da Fundación levan celebrando como ben merece o aniversario do poeta coma se el mesmo participase na festa e convidando, cada ano, para evento tan singular, a uns cantos nenos que o viven coma se fose o cumpreanos dun compañeiro máis, polo que, aínda que pola idade non saiban ler sequera, o seu nome seralle tan familiar coma o de calquera dos seus veciños e así poderán chegar dun xeito máis natural á súa obra e a todo canto ela significa, por máis que sexa allea aínda ás preocupacións dun neno en idade case de preescolar.

Foi un acto sinxelo, pero ben fermoso, sen dúbida. Un acto que constitúe, ademais, un claro exemplo, ou -dito doutro xeito- un botón de mostra do moito que unha fundación cultural debe explorar, nesta época de cambios, de mudanzas e de relativismo cultural, para manter viva e acesa a labarada da súa razón de ser e de estar.

Te puede interesar