Opinión

A caca da vaca

Non hai que facer un esforzo herniante de memoria para lembrar aquel episodio escatoloxicamente creativo e de éxito mediático que nun momento dado puxo a andar o clube de fútbol de Amoeiro -se mal non lembro- que tiña como obxectivo recadar fondos para garantir o financiamento do conxunto.

"Creo que hai algo que pode funcionar", é de supoñer que, naquela treboada de ideas que debeu ter lugar entre o plantel directivo do equipo, había dicir un. "Pois, sóltao xa...", diría outro, un pouco impaciente por dar coa pedra filosofal. "Un sorteo", retrucaría o primeiro, deixando ó resto mirando fixamente para el, coma se no medio aparecese a santísima trinidade. "Pero iso está máis que explotado". "Xa non temos xamóns para sortear"..., serían con total seguridade algúns dos comentarios que se oirían no vestiario local sobre o marmurio xeral.

Entón, o directivo creativo poríase a explicar onde estaría o segredo do éxito da empresa que acababa de imaxinar: Collemos o campo de fútbol e pintamos sobre el unha táboa con milleiros de recadros -isto é da miña colleita- e logo, en vez de facer coincidir o número premiado coa lotería, nin sacarmos unha bola das do bingo, colocamos unha vaca con ganas de evacuar no medio do campo e alí onde caia a "pastelada", o que teña o número será o que leve a bolsa co premio.

O caso foi que o que nun principio poido parecer unha arroutada, acabou por convocar a centos de persoas ó campo de fútbol, a tódolos medios de comunicación locais e nacionais e incluso a máis dun programa televisivos deses onde a escatoloxía acada a categoría de cátedra maxistral.

Lembrei nantronte aquela iniciativa singular, logo de escoitar na radio, primeiro, e despois velo nas redes sociais, que na Coruña alguén pensou na versión urbanita da "caca da vaca" e co fin de concienciar da necesidade de recuperar o medio rural, propuxeron -e conseguírono- transformar un paso de peóns dos de toda vida, tamén chamados "pasos de cebra", nun "paso da vaca" ó mudar os rectángulos paralelos do paso tradicional en manchas semellando pintas brancas ó xeito desas vacas "holandesas" de ubres de arrastrar do tanto leite que dan.

É certo que o medio rural, para rexurdir de novo, precisa dun saco de ideas máis grande cá Cidade da Cultura e a cada cal máis creativa, pois a forza de sachar témome que xa non o imos dar recuperado. Polo tanto, non vou ser eu quen poña en dúbida a medida apoiada como reclamo de tal necesidade, xa que, ademais, a instalación foi realizada onda o obelisco, que coido que continúa sendo a Praza de Ourense, se é que non lle mudaron o nome.

Vaian, pois, os meus parabéns para os mentores porque, ademais, non precisaron botar man da escatoloxía.

Te puede interesar