Opinión

A deseucaliptización

Loxicamente o asunto é unha brincadeira e como tal brincadeira de fin de ano debe ser entendida esta columna. Do mesmo xeito que unha ferramenta para brincar é (e polo tanto, unha boa ferramenta para mellorar, xogando, o uso cotiá da nosa lingua) o propio portal das palabras que a Real Academia Galega e a Fundación Barrié de la Maza levan uns anos mantendo co fin de que poidamos ter acceso a determinadas curiosidades e pequenos segredos do idioma que non seremos quen de atopar en calquera outro diccionario ó uso.

Feita esta exposición de principios, non lle vou negar a sorpresa que me causou escoitar no telexornal, mentres xantaba, que a termo lingüístico elixido nesta ocasión polo devandito portal das palabras como palabra do ano en Galicia, foi, velaí: Deseucaliptización!

Malia que estaba nun restaurante, cando escoitei a noticia non puiden reprimir un breve exercicio de abstracción da conversa distendida que mantiñan os meus colegas na mesa, co fin de tratar de repetir o vocábulo sen tropezar nalgún diptongo ou mesmo na súa cacofonía (repetición ou encontro de sons que produce un efecto desagradable) final.

De súpeto, non só me preguntei se eu mesmo cheguei a utilizar algunha vez na miña vida -incluso nesta columna- tal neoloxismo, senón que se me iluminou a caixa negra dos miolos onde os pensamentos se transforman en imaxes con movemento e voz e quixen ver a grupos de escolares repartidos por tódolos recantos de Galicia viaxando nos autobuses escolares cara o seu centro docente, preguntándolles uns a outros que tal lles fora o día anterior coa deseucaliptización ou se ó longo do día tiñan pensado substituír algún dos seus momentos de ocio para exercitar a deseucaliptización.

Sobre todo, pensando na xuventude da miña Terra de Celanova, que por fortuna ten case máis dificultade ver un eucalipto nos nosos montes ca contemplar estes días unha anduriña pousada nalgún cable telefónico ou do alumeado de baixa tensión.

É certo que estas brincadeiras da rede son completamente democráticas e, polo tanto, non hai -que eu saiba- un responsable directo, a non ser o equipo mantedor do devandito portal, se é que foron eles os que colocaron ou termo lingüístico para ser sometido a votación. Aínda que malicio que non.

Pero, mira que non hai palabras e conceptos na nosa lingua alusivos á actualidade que devala día a día ó longo de todo un ano, que poidan seren susceptibles de votación popular para saíren elixidas "palabra do ano" en Galicia! Mira que non hai riqueza terminolóxica no diccionario!

A non ser que, como tantas veces acontece, o obxectivo sexa utilizar as ferramentas dunha institución para darlle á lingua un senso político ou ideolóxico, que, entón, si que cobraría sentido tal deseucaliptización.

Te puede interesar