Opinión

A lei da selva

Cando o semanario "A nosa terra" botou o candado nas súas cancela, e antes del, outros xornais que xurdiron e morreron coa impronta lingüística nas súas entrañas, tamén fixeron o mesmo, un vello amigo que leva traballando arreo e de sol a sol, coma os labregos doutrora, arredor do complexo labor de -aínda que semelle un paradoxo- galeguizar a nosa terra, sostiña a  teoría de que, se todos cantos asinaron manifestos de apoio a favor do devandito semanario se subscribisen efectivamente a el, no canto de pechar seguramente tería que ter ampliado, os seus xestores, o cadro laboral da empresa.
Venme esta cita de lembranza ó tempo que contemplo a fotografía que o pasado xoves ilustraba a portada deste mesmo xornal, coa praza maior da capital ateigada de xente pertrechada con carteis reivindicativos e no medio, coma de corpo presente, fronte ás escaleiras da Casa do Concello, un ataúde de certo semellando a morte por inanición do comercio ourensán.

E veume á idea tal exercicio comparativo porque, aínda sendo consciente do estado terminal no que se atopa a situación xeral do pequeno comercio en Ourense -imaxine, benquerido lector, como estará na miña vila, en Ribadavia, en Allariz ou en Maceda-, a imaxe fíxome pensar na proba do nove, esa que certifica que as operacións están ben feitas, ou, dito doutro xeito, na proba do algodón que tan famosa se fixo con un anuncio publicitario e que resulta infalible para saber se algo está ou non está limpo de veras.

Poñámonos no caso de que por riba de cada cabeciña que se ve na fotografía poidésemos colocar con suficiente grao de veracidade un pequeno "bocadillo" con un "si" ou con un "non" respondendo á pregunta de se algunha vez, esa persoa, mercou nun gran centro comercial de Ourense ou de fóra de Ourense e, aínda máis, se nos últimos tempos fixo ou non fixo algunha compra das denominadas "on line".

Eu non sei vostede, pero a min non me entra dúbida ningunha sobre o resultado masivo de tan singular enquisa e sobre cal sería o termo que presidiría a inmensa maioría das cabeciñas.

Poida que a reflexión non sexa politicamente correcta, pero do que si estou seguro é de que é sincera e sobre todo nada hipócrita, porque se todos mercaramos todo no comercio local, poñamos por caso en escala de distancias dende o tan popular "Km 0", é posible que moitos dos propietarios de negocios que se atopaban na manifestación popular, en vez de estaren eles sos nos seus negocios, terían que contaren con dous ou tres empregados.
Pero os tempos, desgraciadamente, son os que son -que llelo pregunten, senón, ós taxistas- e na selva soamente hai unha lei: A do máis forte. E un remedio para sobrevivir: O de ouvear coma eles.

Te puede interesar