Opinión

A maldición dos Bic

 

Se vostede é minimamente curioso e adoita deterse na lectura de informacións desas que non teñen un masivo percorrido popular, pero que sorprenden cando se len, estou seguro de que saberá por que os famosísimos bolígrafos Bic teñen un pequeno buratiño na metade do cristal e por que dende hai moitos anos ó singular capuchón lle substituída a croa inicial por un burato.

Se nunca lle cadrou ler ningunha das dúas direille que tanto un coma outros circuliños teñen como función a de evitaren perigos que o bolígrafo traía de fábrica e que, polo que se ve, causaron máis de un e de dous desgustos, fundamentalmente a estudantes de pouca idade e, polo tanto, poucas defensas perante unha eventualidade tal.

O primeiro deles -é dicir, o do propio bolígrafo- seica lle foi feito para evitar no interior da cana unha posible concentración de gases derivados da composición química da tinta, que poderían seren tóxicos.

O segundo dos buratos -o do capuchón- foi adoptado pola empresa que os fabrica porque non era raro que calquera neno que estivese xogando con el, o metera á boca, correndo serios riscos de envialo pola gorxa do aire e, en consecuencia, un serio perigo de afogamento por falta de respiración.

Velaí dúas pequenas curiosidades que me viñeron á idea (por máis que non teñan nada que ver) esoutro día cando lin a información sobre o recoñecemento dos 22 municipios da Ribeira Sacra como territorio Ben de Interese Cultural, ou o que é o mesmo, BIC, como paso previo á futura candidatura á declaración de Patrimonio da Humanidade.
Preguntarase vostede que raios terá que ver a maldición dos bolígrafos BIC coa declaración de BIC da Ribeira Sacra. E eu tratarei de contestarlle, segundo o meu humilde ver.
Como ben foi constatado por tódolos medios de comunicación -incluído este-, unha ampla representación da clase institucional ourensá-luguesa, xunto con algunha representatividade social de ámbalas dúas marxes territoriais da Ribeira Sacra celebraron unha masiva concentración para felicitárense da declaración por parte do Consello da Xunta, así como do anuncio dun plan coordinador de investimentos para a zona, co fin de revitalizar social e economicamente unha das zonas do interior de Galicia con máis recursos públicos consumidos nas últimas décadas.

Unha festa, que sen embargo -e non quero ser agoiro-, tense visto enlamada pola preocupación social do que para o común dos mortais -salvando rarísimas excepcións- supón a declaración de Ben de Interese Cultural dun conxunto histórico ou dun espazo singular.

E falo de preocupación porque, con demasiada frecuencia, estas declaracións hiperprotectoras acaban supoñendo unha auténtica maldición ó coartar toda actividade económica na súa zona de influencia, tal como ten acontecido en multitude de ocasións. Polo ben de todos, o meu desexo de aninovo é que o tempo me quite radicalmente a razón.

Te puede interesar