Opinión

A un paso da selva

Incorporou onte, este xornal, un novo elemento para a análise sobre o estado da cuestión dos nosos montes e sobre a urxente e imperiosa necesidade que temos de actuar neles se non queremos acabar coma o deserto do Sahara se todo acaba ardido ou, no seu defecto, coma a selva colombiana se non se leva a cabo a indispensable ordenación boscosa que os mesmos están pedido a berros.

É certo que o asunto pode ser lido con certa retranca e, seguindo os neocostumes da rede, encher as comunicacións de "memes" máis ou menos simpáticos e alegóricos do criminoso quefacer de escuros personaxes elevados agora á categoría de estrelas mediáticas por mor das "narcoseries" que tanta aceptación mundial teñen colleitado.

Pero, visto dende unha perspectiva máis responsable, o certo é que por un lado xera certamente preocupación -porque trala colleita, ven a elaboración, trala elaboración ven o mercado e tralo mercado ven o conflicto- e polo outro demostra o preto que esta terra está da selva porque baixo os principios agochadores da selva é baixo os cales -as explicacións ofrecidas pola Garda Civil non deixan lugar a dúbidas- os narco-agricultores están tomando conciencia das oportunidades que a Galicia rural e as aldeas abandonadas lles están ofrecendo. É dicir, terras abondosas das que ninguén se acorda ó longo do ano, casas abandonadas en espazos afastados de calquera corredor habitual de vehículos, en fin, un luxo para asentar unha actividade que precisa de moita tranquilidade e anonimato.

Así foi sempre e así seguirá sendo polos séculos dos séculos, porque o delicto -por máis que agora semelle que só é cousa de políticos- forma parte da condición humana e sempre haberá quen vexa unha oportunidade e un xeito doado de facerse rico onde outros moitos vemos un problema que non damos resolto.

Se en algo pensei cando lin que "o abandono do rural ourensán activa o cultivo da marihuana" foi, precisamente, que estamos xa a un paso da selva.

Que facer para evitalo? Pois ben, a Garda Civil, unha vez máis, está facendo o seu traballo como debe ser, poñendo a bo recaudo ós agro-delincuentes e acendendo a correspondente luz de alarma para que as administracións e a sociedade civil tamén, tomemos conta do problema e actuemos de vez para darlle unha solución definitiva.

A quen lle toca actuar agora, entón, de contado? Pois, evidentemente, ó poder lexislativo, que terá que termar firmemente polos cornos, por máis que corra perigo de ser corneado, o touro da lexislación sobre  as propiedades a ermo. E, como non, as tres administracións que no fondo son responsables máximas do problema do despoboamento, ou sexa, a autonómica, a central e a europea. Eles foron os que, dende os anos oitenta nos trouxeron ata aquí ó promoveren o abandono do campo e eles deben ser os que apaguen o fume da “marihuana” se non queren que acabemos todos narcotizados.

Te puede interesar