Opinión

A ver se para Reis...

Leo que, como regalo de nadal, a Xunta de Galicia fíxolle chegar ós veciños do concello de Bande o inicio do expediente de declaración de ben de interese cultural para o campamento romano do Aquis Querquennis.

Leo isto e non sabe como me alegrou a noticia, non só pola veciñanza que teño con el, senón por que son coñecedor do moito traballo de investigación que ten levado a cabo o grupo arqueolóxico Larouco co profesor Antonio Rodríguez Comenero e co arqueoólogo Santiago Ferrer á fronte, senón tamén o denodado esforzo de xestión que, por outra banda ten feito o propio Concello de Bande, neste caso co seu alcalde, José Antonio Armada, á cabeza. Pero, sobre todo, alegroume coñecer a nova porque ese, o do recoñecemento da súa singularidade patrimonial, é fundamental para levar a cabo nos próximos tempos un proxecto de dinamización dos recursos culturais e naturais das terras de Celanova e da Baixa Limia. Recursos que con esta declaración se verán, sen lugar a dúbidas, exponencialmente valorados.

Agora, como regalo de fin de ano, leo que a Xunta de Galicia acaba de regalarlle tamén á Ribeira Sacra o incoamento do expediente de declaración de Ben de Interese Cultural coa categoría de paisaxe cultural, non só ó espazo xeográfico que identifica este lugar a ámbalas dúas marxes dos ríos Sil e Miño, se non tamén a un gran número de "bens e manifestacións do patrimonio cultural material e inmaterial" relacionados ou incluídos na devandita demarcación.

Loxicamente, tal lectura no diario oficial de Galicia de hoxe -onte, para vostede- mesmo, como ourensán tamén me encheu de alegría, posto que son coñecedor de que ese paso -que estaba sen dar- é imprescindible para que no futuro poida ser presentado a correspondente candidatura á declaración de Patrimonio da Humanidade.

En fin, que hai cousas que non acontecen nunca e sen embargo, logo por casualidade ou polo que sexa acontece unha insólita aliñación astral -cousas do horóscopo- e resulta que de súpeto, unha parte significativa do patrimonio cultural ourensán vai pasar a contar cunha declaración oficial de protección  especial no breve prazo dunha semana.

Velaí polo que, nese clima de esperanza no que convida convivir este tempo de Nadal, eu agardo a ver se para Reis a Xunta de Galicia continúa esplendorosa no tocante á regulamentación do noso patrimonio e lembra que dende hai unha década leva gardado nalgún caixón da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural un macro expediente que pretendía a declaración de ben de interese cultural para unha vintena de xacementos arqueolóxicos, entre os que están media ducia de castros de Ourense, e que continúa igual que toda a riqueza documental que os mesmos agachan, durmindo o soño dos xustos.

Te puede interesar