Opinión

Abramos os ollos

Dende hai unha tempada anda distribuída polos medios de comunicación fundamentalmente escritos -por este tamén-, unha campaña informativa institucional que presenta unha serie de pares de fotografías diferentes que amosan a unha persoa en primeiro plano fronte a cámara cos ollos pechados e como telón de fondo unha imaxe propia do "feismo" (que tanto caracteriza o noso territorio, rural e urbán, dende que o cemento, o bloque, o ladrillo á vista e o aluminio nos colonizaron) sostida nun subtítulo que di, "non queremos ver", e na páxina seguinte a mesma fotografía cos elementos distorsionantes da paisaxe restituídos ou rehabilitados e outra lenda que di, "queremos velo así".

Logo, un pequeno texto explicativo indica que "unha paisaxe e unha contorna degradadas perxudícannos a todos", seguíndolle a continuación a seguinte aseveración: "Se coidas do teu , da túa casa ou negocio, axudas tamén a construíra a Galicia coidada e limpa que todos queremos".

Aínda que non reparase moito nelas, estou seguro de que nalgún momento a súa vista transitou por diante dese xogo visual de erros que busca concienciar ás xentes de que as obras a medio facer, os pendellos, os galpóns e todos cantos elementos destrozadores da paisaxe tolere un, non son senón atentados contra unha imaxe da nosa terra que dá vergoña, certamente.

De tódolos xeitos non vou ser eu quen poña en solfa a campaña publicitaria, como tampouco nunca me oporía a unha para concienciar á xente que estreme as precaucións para evitar os incendios forestais ou para alimentar a recollida selectiva do lixo, poñamos por caso, porque son consciente de que dano non fan, aínda que non curen a enfermidade contra a que son aplicadas.

Agora ben, iso non quere dicir que non teña serias dúbidas da súa efectividade, do mesmo xeito que dubido da efectividade do Frenadol contra unha neumonía, porque e estado da paisaxe galega -abramos os ollos, como indica a campaña- é de maior gravidade incluso có dunha pneumonía nun humano. Non hai máis ca saír por calquera das portelas que nos unen a Portugal, a Zamora, ó Bierzo de León ou ó Principado para sermos conscientes, por comparativa, do estado terminal no que se atopa a nosa paisaxe -incomprensiblemente tan gabada, por outra banda, dende fóra- e non só a paisaxe rural, senón a dos entornos urbanos pequenos e medios e mesmo das cidades.

Abramos os ollos, pois, se realmente queremos devolverlle a harmonía á paisaxe galega e concienciémonos de que a solución pasa por políticas activas e decididas e non por simples campañas -máis ou menos ben intencionadas- de información.

Te puede interesar