Opinión

Acabouse a diversión

Escoitei en directo a Carlos Puebla unha vez na miña vida. Foi no maxestoso teatro da Universidade Laboral de Gijón hai xa unha chea de anos. Máis ou menos cando os anos 70 comezaban a esmorecer. Unha época no que o famoso cartel do Che nos acompañaba nos soños xuvenís e nas horas mortas de estudo, pendurado e silandeiro, pero cunha mensaxe que, loxicamente, albergaba contidos diferentes para un mozo de dezanove ou vinte anos ca para un serodio como son hoxe, pero que nos axudou a apuntalar os principios de liberdade, igualdade e solidariedade nos que aínda hoxe seguimos crendo, así como nos abría as portas a unha ideoloxía social que tamén hoxe conservamos.

Acababamos de facer para un encargo de curso, un traballo sobre a figura de Ernesto Guevara de la Serna, a súa nacencia arxentina, os seus estudos de medicina, a súa viaxe en motocicleta por iberoamérica, a súa vida de fotógrafo no México no que coñeceu a Raúl Castro, os seus contactos coa revolución cubana, as súas decepcións, o seu diario terminal en Bolivia... En fin, que a chegada casual de Carlos Puebla á "Laboral" constituíu para todos unha festa e para nós, un verdadeiro acontecemento histórico.

Daquel concerto quedáronme chantados na memoria os estribillos de outras tantas cancións que, aínda hoxe, cando por algunha razón as escoito, lévanme de xeito inexorable ó poleiro do teatro e sensibilízanme os sentidos ata o punto de me transportaren nunha viaxe de regreso momentáneo ó pasado e unha volta á xuventude.

A primeira é, por suposto, o "Hasta siempre comandante", con aqueles versos tan coñecidos de "aquí se queda la clara/ la entrañable transparencia/ de tu querida presencia/ comandante Che Guevara...".

A segunda non é menos coñecida e está dedicada a Fidel. Titúlase "Y en esto llegó Fidel" e o seu estribillo ven a dicir: "...Se acabó la diversión,/ llegó el comandante/ y mandó a parar..."

Pois ben, esta segunda (e continuamos abducidos polo sinsentido catalán), venme recurrentemente á memoria dende o pasado día 1, logo de ver as urnas das que falei esoutro día, así como a "chulería" coa que a partir do "éxito" dos seus se ven manifestando ese ser antisistema que os cataláns asumiron como presidente, ata o punto de asegurar ter collido polo forro ó presidente español, e esixirlle que cumpra a parte do pacto acordada ou, como cantaba Carlos Puebla, "se acabó la diversión..."

Un, que xa non se deixa guiar por cantos de serea, coma na xuventude ilustrada polo cartel do Che Guevara, mirraba o bico cando escoitaba, nos días da moción de censura, que non lle podían prohibir a ninguén que votara por eles, pero que non ían pagar ningunha peaxe por iso.

Pero, para desgracia dalgúns, a mentira ten as patas curtas…

Te puede interesar