Opinión

Actas e cartas de amor

É evidente que as actas non son como as cartas de amor. Digo máis, nin son nin teñen por qué selo.

Estas segundas transmiten afectos e sentimentos e a súa lectura, como consecuencia e se están ben escritas, provocan reaccións emocionais certamente satisfactorias difíciles de esquecer para aquel ou aquela que teña a fortuna de telas recibido ou poida recibilas algún día.

Todo aquel que se prece garda -estou seguro- algunha carta de amor (si, xa sei que agora non chegan en papel perfumado nin escritas á man, senón en forma de mensaxes, emails, sms, whatsapp e eses xeitos actuais de comunicación) que se cadra lle fixo tomar algunha decisión transcendente na súa vida.

As actas, como documentos administrativos que son e que teñen como función resumir os pormenores principais dun evento, unha reunión ou outro tipo de lance entre persoas, non teñen, polo tanto, entre as súas obrigas funcionais as de facerse eco de percepcións emotivas, senón transcribir acordos ou desacordos entre as partes e transmitilas da forma máis diáfana posible co fin, por un lado, de que os interesados na reunión que non estean presentes nela tiren unhas conclusións axeitadas deses acordos ou desacordos, e, pola outra, permanezan inalterables no tempo como documentos que dan fe e como referencias históricas para futuros acordos ou desacordos que teñan lugar en futuras reunións.

Teorizo sobre esta cuestión despois de ter acceso a través da rede, a unha acta publicada na web do colectivo e proximamente grupo municipal, Ourense en Común, que deu fe da primeira reunión mantida por tres responsables deste grupo co candidato a exercer a alcaldía ourensá polo PP, Jesús Vázquez e o seu número tres da candidatura, Francisco González.

E fágoo para dar fe de que o que, como cidadán, ela me transmitiu (sen ser, nin ter por qué ser, unha carta de amor) foron boas vibracións no sentido de que me fixeron agradecer eses novos xestos -mesmo desde a discrepancia- que a sociedade tanto precisa para axudar a calmar e cristalinizar un pouco moito ese ambiente crispado e completamente enlamado no que se ten movido a política local -e a outra- xa non digo nos últimos anos, senón nas últimas décadas.

E é que a sociedade precisa, coma auga de maio, destes xestos, para poder sosegar. Destes e non desoutros, histriónicos e de reparto (¡ti dous anos e medio, eu ano e medio e xa está!), que tamén lle puxeron por riba da mesa onte -pero esta vez sen acta- ó candidato popular.

Te puede interesar