Opinión

Adaptación ó medio


Aprimeira vez que tiven oportunidade de estar en Marbella (non é que estivera moitas, pero dúas ou tres, si, vai alá para unha década), ademais de sorprenderme coa fermosura do seu casco antigo, que contrastaba coa imaxe de acolmatadas urbanizacións e impresionantes mansións que tiña preconcibida, chamoume a atención a flota de taxis que circulaban dun lado para o outro pola cidade.

Na súa inmensa maioría, no canto de seren vehículos semellantes ós de catro portas tradicionais que circulaban daquela e aínda circulan hoxe por calquera capital española, eran coches familiares ou de cinco portas, pero con amplo espazo no maleteiro, próximo ós das furgonetas, e que hoxe definiriamos como vehículos monovolume, pois daquela aínda non apareceran de forma masiva no mercado.

Loxicamente, a curiosidade levoume a cuestionarme cal sería a razón pola que os taxistas marbellís eran presos dese andazo uniformista, curiosidade que se me saciou tan pronto tiven a oportunidade de montar no primeiro e vagar para preguntarlle ó chófer que nos fixo a carreira por tal circunstancia.

"Los compramos así, no porque sean más cómodos, ni porque quepa más gente, si no porque una gran perte de los turistas que vamos a recoger al aeropuerto viajan con sus palos de golf y si quieres dar el servicio completo no nos queda más remedio que adaptarnos al medio y cubrir las necesidades del cliente".

Isto foi, máis ou menos, o que me contestou o conductor, deixándome aínda máis sorprendido, aínda que nese caso pola sinxeleza das razóns por el aducidas, moito máis simples do que xa comezaran a voar na miña quenturenta imaxinación.

Adaptación ó medio! Velaí a clave da cuestión. O cliente ten unhas necesidades e se ti queres vivir dese negocio non tes máis remedio ca tratar de ofrecer o servizo adaptado ás necesidades da clientela.

En base a este principio comercial básico é polo que eu levo xa bastante tempo teimando na necesidade de que os taxis da Galicia rural -como servizos públicos que son- deixen de estaren estacionados ó pé de calquera taberna e se transformen en transportes activos por rutas que enlacen diariamente de forma radial parroquias e concellos coas cabeceiras comarcais onde se concentran os servizos.

De aí que cando esoutro día lin que a conselleira de Infraestructuras lles recomendou ós taxistas galegos que pensasen en mercar vehículos de nove prazas para ofreceren servizos activos de transporte no medio rural, non puiden menos ca sentir a necesidade de felicitala por -dígoo en sentido figurado- ter caído da burra. Pois nunha boa e ben estructurada rede de transporte radica gran parte do éxito na loita contra a desertización humana que de forma tan evidente ameaza ó medio rural galego.

Te puede interesar