Opinión

Adoración di-urna

Hoxe non tiven moito vagar de seguir os informativos, nin na televisión nin pola rede. Un vello amigo de Castromao, que é boa zona -alta e seca- para as patacas adoita sementar para el, para outro amigo común e para min mesmo, polo que entre outros quefaceres, aproveitei o día para ir apañar as patacas, que é un exercicio que nos axuda a engraxar a res ós que botamos moitas horas o día sentados.

Este ano houbo poucas, pois nos mesmos regos nos que o ano pasado collemos unha ducia de sacos, nesta ocasión case nos sobraron a metade. Pero son limpas e sanas, que é o que importa. E cando se acaben, pois -como din o vellos- asubiar e bater a chanca.

Que non seguira, polo tanto, a actualidade polo miúdo non quere dicir, sen embargo, que na hora do almorzo non contemplara unha estampa sobre a que dixen para min, "esta merece comentario".

Foi, como non podía ser menos -hoxe, cando escribo, é día 1 de outubro- en Cataluña. O que non sei é a cidade concreta, pero para os efectos é o mesmo que acontecese en Barcelona, ca en calquera das outras tres capitais de provincia ou nun pequeno municipio deses que xa levan anos vivindo na independencia.

Estaba a plana maior institucional -por máis que ese nome lle quede grande- colocada en formación  de orar -o verbo ten sentido-, co presidente do Parlamento Catalán -ese que leva dende o mes de xuño ou xullo sen abrir as portas- en pleno desenvolvemento da homilía e á súa dereita, colocada sobre unha peana de xenerosas dimensións, ¡unha urna! desas de plástico chino que foron usadas hai agora un ano para se riren diante dos narices do Estado e poñelo en evidencia.

¡Unha adoración di-urna!, volvín dicir para min, cunha liturxia que xa lle gustaría ter ás veces o mesmísimo Vaticano.

En fin... Uns craks niso da construcción do relato, da elaboración previa do guión e da elevación a santos custodios ós principais protagonistas da historia. Sexa ou non sexan humanos. Que máis dá se temos ó pobo con nós e con nós estará mesmo se mandamos abriren as augas do Mediterráneo. Xa nos orixes adorabamos ó sol e mira canto nos costou humanizalo. Nada.

Señor, deume tanto coraxe ver aquela estampa, coma se dunha concelebración litúrxica da festa do patrón se tratara, que non puiden máis ca tentar colocarme na pel de cada un deles, xentes con formación universitaria, algúns con traxectorias profesionais docentes ou non docentes, certamente meritorias. Cabezas ás que se lles debería presupor un mínimo de masa gris para traballar con iso que lle chamamos raciocinio, para ver se non sentirían vergoña, bochorno ou rubor e cheguei á conclusión de que xa lle poden poñer un mono no altar que ós dez minutos será catalán e o bandeirín de enganche para lograr a soñada república.

Te puede interesar