Afecto, xenerosidad e bonhomía

Afecto, xenerosidad e bonhomía

Por máis que estea considerada unha delicatesen culinaria, unha regalía gastronómica exclusiva e exclusivista -tanto porque só se pode comer durante unha determinada tempada no ano, como polo prezo que esta ten-, eu debo dicirlle que non lle son moito de lamprea. É certo que son de bico un pouco "repunante" e que, como din as miñas fillas, só gozo coa comida ibérica, facendo salvedade co arroz, que non son quen de resistir un só grao no prato denantes de retiralo co tenedor. Pero tamén é certo que cando me xunto co meu círculo de amizades e todos piden o arroz, logo eslúmense na miña costeleta con patacas fritas, que enche o bandullo moito mellor.

Escribo hoxe sobre isto, porque hai un pouco que me levantei da mesa da casa xenerosa do meu amigo Jorge Varela, onde, ademais dunha cumprida conversa, os once pés que nos demos cita alí tamén puidemos gozar, da man do cociñeiro Martín Álvarez, da lamprea a cinco sabores, das que eu probei de tres, pois queda anunciada xa a miña incompatibilidade irracional co arroz.

E cando digo a cinco sabores, non é que Martín cociñase unha lamprea e a mesturase con productos gastronómicos que incorporasen ó prato catro sabores máis, completando así o repoker aludido, senón que cociñou cinco pratos diferentes nos que a lamprea era o ingrediente principal.
Anunciada xa a "caldeirada" de lamprea con arroz, as outras catro receitas foron unha vinagreta de lamprea, outra frita con tacos de xamón, aceite e allo, ademais da tradicional "bordalesa", cociñada no seu sangue e un estofado semellante, pero sen sangue de seu, que acaba facendo unha mellor dixestión.
Foi, digamos, un menú degustación deses que se saborean, non só polo prato, senón tamén pola conversa e sobre todo, polo pracer que dá ver que aínda quedan polo mundo anfitrións coma Jorge Varela, que gozan máis vendo comer ós convidados que comendo el mesmo o menú escollido para a ocasión.
E, vive deus, que non escribo isto nin por presunción, nin por fachenda. Nin sequera por agradecer o convite de forma pública, pois, tanto os sabores dos que gozamos, como a conversa, é algo que queda entre nós e non lle achega unha información co máis mínimo interese a vostede, benquerido lector, que non sexa, como moito, as suxestións que poida recoller vostede para probar algunhas das receitas alternativas ou menos coñecidas, das cinco que nos deron a probar hoxe a nós.

Fágoo, vive deus, porque a veces ós que andan preto dun téñolle prohibida a presenza neste espazo e sei que con tal prohibición cometo algunhas inxustizas. Como cometería hoxe con Jorge Varela se non o trouxera a colación como repartidor de afecto, xenerosidade e bonhomía, uns méritos cada vez máis valorados, curiosamente, pola súa, cada vez máis común, ausencia xeral de valoración.