Opinión

Alcaldías impostadas

Nunca perseguiron estas columnas facer sangue de ninguén. Nin tampouco vai ser esta a ocasión, porque, se cadra, a persoa protagonista nin sequera valorou a dimensión pública da súa actuación cando, dun xeito probablemente impostado, lle quixo dicir ó mundo a alta responsabilidade institucional que temporalmente lle acababa de ser encomendada.

De tódolos xeitos, considero necesario facelo -repito, con toda a prudencia que esixe dicir as cousas sen facer dano-, porque probablemente nestes tempos nos que todo vale e nos que a banalidade, a impostura -repito- e a ansiedade por crear noticias da nada, de cando en vez é bo instalarse da banda crítica do río e colocar un gran espello para que, ademais de na auga, atopen os feitos un espello.

Un amigo que anda nos medios de comunicación faime chegar unha nota de prensa de Xinzo de Limia, acompañada dunha pequena reportaxe fotográfica que me provocou un pouco de vergoña allea e algo de rubor, xa non tanto polo escrito nela -o papel pode con todo, di o vello adaxio administrativo-, canto pola impostada pose da persoa que protagonizaba a banal noticia, descoñecendo a estas alturas da semana, a intrahistoria sobre como foi recibida pola veciñanza de Xinzo de Limia ó día seguinte, cando foi reproducida, entre outros, polo xornal que sostén esta mesma columna.

O recibir o envío do meu colega, leo literalmente (sic) o que segue: "María Dolores Calvo converteuse hoxe á mañá en alcaldesa de Xinzo de Limia unha vez que o recentemente nomeado alcalde Manuel Cabas, tivo que desprazarse ata Barcelona, lugar de residencia dos seus pais por un asunto familiar".

Cando lin isto, inmediatamente fóiseme a idea cara unha pregunta lóxica: Pero, cantos alcaldes e alcaldesas van conseguir ter os de Xinzo neste mandato?

Logo, tal como explicaba o titular en vangarda, resulta a figura institucional na que, coma unha estatua de sal, se "convertera", e que o asunto era cousa efémera, pois a "alcaldesa" -volve ser recolla literal- esperaba que "este venres" -é dicir, mañá- ou "o mais tardar o luns (o alcalde verdadeiro) xa esté incorporado ao seu posto".

"Temas de rutina, visitas de pedáneos, do presidente da Cruz Vermella, un escrito dun membro da oposición informando da situación do alumeado dunha rúa...", o certo é que o despacho da primeira xornada á fronte da alcaldía -tal como desvelaban as imaxes que acompañaban a nota de prensa, falando por teléfono dende a esquerda, dende o centro e dende a dereita- fora productiva. O que resulta un enigma é por que tal cotidianidade administrativa tivo que ser elevada á categoría de alta xestión para ser convertida en noticia.

Como descoñezo a letra pequena dunha situación municipal que si sei que atravesa complexos remuíños de sombra, non me vou meter na indescriptible aventura da letra pequena.

Ora ben, se unha substitución corporativa por media ducia de días merece tan alta consideración propia, se cadra non estaría de máis que os seus veciños a propoñan “alcaldesa perpetua” de Xinzo de Limia e que lle regalen o teléfono de sobremesa para que o teña, non temporalmente, se non de forma perpetua, apegado á orella.

Te puede interesar