Opinión

Algo de cordura

Hai uns días estiven a piques de traer a este espazo unha reflexión sobre a credibilidade e o rigor informativo (termos que por desgracia non sempre viaxan xuntos no tren do xornalismo) entre a -a miúdo minusvalorada- prensa local e a todo poderosa -e con frecuencia sobrevalorada- prensa nacional. Por cuestións de mera actualidade non o trouxen, pero hoxe pasa por ser un día acaído, ó fío do enconado debate mediático, catapultado agora a Madrid, por mor das diferencias de criterio existentes entre un mando local da Garda Civil e o pobo de Bande, entre quen se conta unha deputada. E creo dicir ben cando digo pobo, porque as cifras que se manexan fan pensar con certa lóxica en que dificilmente algunha familia teña quedado exenta do celo profesional do devandito funcionario.

Digo credibilidade e rigor porque a miúdo o lector, oínte ou televidente dálle un marchamo de veracidade inconsciente á información polo simple feito de ser emitida dende un medio nacional, cando (podería relatar un sen fin de casuísticas) ó aterrar un xornalista "madrileño" sobre un suceso ou acontecemento local é moi doado -sempre hai honrosas excepcións- que acabe reproducindo tópicos que máis ca informar, desinforman, aínda que a eles adoita importarlles pouco porque non escriben para o público do lugar, senón para as grandes masas e a esas "dálles o mesmo que algún detalle -por máis que sexa relevante- non sexa exacto de todo".

Ven isto a conto porque o que semella quedar da tensa convivencia entre os veciños de Bande e o sarxento da localidade, ó saltar a noticia a nacional, é que unha deputada decidiu "transformarse na Esperanza Aguirre galega" e turrar do fío das influencias para mandalo á Conchinchina, non sen antes botarlle o pobo por riba ó funcionario.

E non é que eu desexe colocarme nun prato da balanza para descompensar o outro, senón que me gustaría poñer algo de cordura entre tanto simplismo e sen razón que levo lido nos últimos días. Porque non fai falla ser do clube dos que toma o sol no pasmadoiro de Bande para saber que o relativismo conceptual dunha lei son fórmulas matemáticas para o oficial bandés. Se a isto se lle engade que nun ano tramitou un milleiro de denuncias (eu mesmo tiven acceso a un cadro comparativo con outros lugares, que é certamente demoledor), dáme a min que nin ó alcalde nin á deputada lle debeu facer moita falla "azuzar¨ ó pobo contra o sarxento, porque é de supor que, con razón ou sen ela, a estas alturas cada quen ten a súa propia historia contra el.

Te puede interesar