Opinión

Andar da cabalo

Cando eu era neno, meu avó Enrique tiña un fermoso e inmenso -ou iso me parecía a min- cabalo branco, que lle servía de vehículo e de compaña para andar polas feiras da bisbarra e mesmo para botar longas tempadas dedicado á compra de gando cabrío e lanar polas daquela vivas aldeas da raia.

Cando, por fortuna, o cabalo quedaba na casa dos Quintairos e eu andaba por alí, o suceso constituía unha verdadeira regalía para min porque adoitaba poder montar nel e cabalgar fachendoso sobre a súa arxenta e esvelta figura polas corgas da Cortiña Grande e amarrarme á súa crin coma se fose conquistar o mundo.

Co tempo, dun xeito dolorosamente inesperado a miña avoa morreu -ben nova, por certo- e meu avó e o cabalo branco "baixaron" vivir connosco para Celanova, e malia que o meu cariño cara el seguiu crecendo, xa nunca máis fun quen de sentir aquela poderosa liberdade sobre os seus cadrís redondos, porque a súa función pasou a ser de animal de carga e nos arredores da vila non había espazos abertos nos que poder gozar do libre albedrío que ofrecía o monte.

Un día o cabalo non volveu á casa porque o desenvolvemento urbano de Celanova facía cada vez máis difícil a súa convivencia entre nós. E chorei. Vaia se chorei pola súa ausencia.

É certo que unha vez acaboulle fuxindo ó novo dono e regresando onda nós. Pero non foi máis ca un alustro que do mesmo xeito que veu, do mesmo xeito marchou para non regresar ás nosas vidas.

Xamais volvemos ter cabalo na casa. Nin eu volvín montar noutro, coma se aquela unión primixenia merecera un respecto de por vida que aínda hoxe manteño aceso.

Hai uns días chegou por onda min Pepe Mera, un veciño de Casardeita (Ramirás) que andou por moitas terras do mundo e navegou por máis mares aínda, denantes de asentarse en Nueva York, onde por outras xentes sei que lle axudou a moitos conveciños a topar traballo no "Norte", que é como lle chamamos os de Celanova ós Estados Unidos. Díxome que a súa ilusión era volver "vir da cabalo á vila", como facía de neno, acompañando ó seu pai -que tamén era xente de trato- ós mercados e ás feiras.

O pasado sábado cumpriu o soño alimentado ó longo de máis de 40 anos, e "ó lombo dunha egua mansiña", lucindo pantalón e camisa vaqueira baixo un esplendoroso chapeu de ala ancha, fíxose fotografar perante o convento coa esperanza de que a foto sexa publicada no "periódico".

Farei o posible para que así sexa e Pepe Mera e eu mesmo regresemos de contado ó marabilloso paraíso da infancia.

Te puede interesar