Opinión

Aprender portugués

Que os españois en xeral somos negados para os idiomas é algo que, ademais da deficiente planificación docente que vimos sufrindo dende que eu era estudante -e aínda Franco estaba quente!-, sosteño a teoría de que, como somos conscientes de que o español se fala en toda Hispanoamérica, consideramos que toda Hispanoamérica é o mundo e o mundo todo nos entende. Isto, ata que, poño por caso, un día pérdesenos a equipaxe no aeroporto de Atenas e entón de súpeto vemos como nos sae o pouco inglés que sabemos, coma nun irrecoñecible exorcismo lingüístico, para tratar de recuperar a "baggage".

Iso acontécenos cos idiomas que parten doutra camada, que simplemente os obviamos -a quen se lle ocorre aprender neerlandés, sueco ou euskera!-, pero, por desgracia tamén nos acontece cos inmediatamente próximos.

É certo que dun tempo a esta parte estamos recibindo aulas intensivas -"radical learning", que diría un snob- de catalán e ademais de sabermos dicir xa unha manchea de palabras e conceptos relacionados coa política, somos capaces de recitar, dun xeito máis fluído cá lista dos reis visigodos, tódolos apelidos cataláns que se atopan inscritos na heráldica dos fillos putativos de Sant Jordi.

E isto, ós galegos acontécenos dun xeito especial co portugués -eu son o primeiro en petar no peito-, porque como son, as nosas, linguas irmás -xa o dicían Castelao e Pessoa-, pois resulta que aínda que afinamos o oído para entender o seu “sotaque” e os seus continuos silabeos e ó lelo imos collendo o sentido das cousas, por literalidade ou por contexto, non nos esforzamos nadiña en aprendermos a pronuncialo e a coñecermos as moitas variantes que se dan entre dúas linguas irmás, como tamén existen na personalidade de dous irmáns xémeos.

Hoxe lin na rede que a Televisión de Galicia comezou o pasado 19 de marzo a emisión dunha serie xuvenil da televisión portuguesa -"Morangos con açucar"-, subtitulada en galego e cun engadido final de análise de textos e contextos, que pretende explicar as singularidades desa lingua respecto da nosa, así como os "falsos amigos", que tamén os hai (e algúns certamente rechamantes, lembremos, se non, o famoso exquisito).

En fin, que no canto de facerlle perder o tempo á audiencia con teoricismos sintácticos e morfolóxicos -tal como durante moitos anos se tratou de ensinar inglés aquí-, o que ensinan é a falalo e comprendelo de forma práctica, pois o que queira poñerse a competir con Eça de Queiroz, Torga ou Saramago, xa ten outros foros onde meter o bico.

Vaia, pois, dende aquí, a miña felicitación á Televisión Galega por unha iniciativa que -tamén debo ser sincero- debeu ter comezado hai xa moitos anos.

Te puede interesar