Opinión

A arte de enconicar espazos

Cando eu utilizaba a estación do tren de aquí para alá con relativa frecuencia, toda a explanada que dá fronte por fronte co edificio terminal estaba completamente valeira, de forma que ti chegabas e mal que ben sempre atopabas un oco máis ou menos acaído onde estacionar.

De súpeto, de hai uns anos para aquí, xustamente a medida que a colonia vehicular ía crecendo de forma exponencial, a Renfe, Adif ou quen queira que teña ese espazo de man, foi recortando espazos do mesmo xeito que recortabamos nós de nenos pequenas parcelas terreas no campo de xogo do puntón, ata non deixar, xa non digamos espazo para facer unha paradiña nada máis, senón incluso simplemente para pasar.

Hoxe (onte, para vostede) tiven que andar por alí en dúas ocasións ó cabo do día e nas dúas tiven problemas para realizar o obrigado oficio de "descargar" pasaxeiros que con máis ou menos presa dispostos a utilizaren o tren para viaxar.

Se vostede ten ido por alí algunha vez -que seguro que si- saberá perfectamente do que fago. De toda aquela explanada onde antes, polo día de Santiago cabían os palcos da París de Noia e da Panorama a un lado e ó outro e media barriada da ponte a bailar, agora non queda máis ca un enconicado carril cunha "redonda" debuxada na que, para poder xirar arredor da súa circunferencia, os coches deberían vir equipados con eixe de xiro, non só nas rodas de adiante senón tamén nas de atrás.

Iso e a impertinencia de dous taxistas que deben pensar que eses espazos son propiedade privada coma chalés ó cabo do mar, ollando cara máis da metade do espazo cunha manchea de coches relucentes e xeometricamente aliñadiños cada un no seu lugar, propiedade todos eles das empresas de aluguer sen conductor, dos que se deben mover non máis dunha ducia cada día, fíxome cavilar sobre a arte que teñen algunhas institucións para enconicar espazos públicos, co único obxecto, non de facilitarlle o servizo ós cidadáns de a pé (bueno..., neste caso en vehículo), senón de munguir os nosos petos ata que estiñen de necesidade.

De quen é -repito- a explanada da estación Ourense-Empalme? De Renfe? De Adif? Dalgunha subcontrata? Ou dos cidadáns?

Gustaríame sabelo e seguro estou de que senón vostede, algún seu coñecido é doado que o saiba contestar.

De ser así agradeceríalle que mo fixese chegar para felicitar, coa banda de música da miña vila e, a poder ser, cunha mascletá, a quen naceu con tal habelencia para terse convertido nun campión auténtico na arte de enconicar espazos á costa do peto do contribuínte e da paciencia do usuario.

Unha arte absurda, en todo caso, pero que cada vez ten máis seareiros con ganas de tocarnos os timbais.

Te puede interesar