Opinión

As castaña e o futuro

Leo que a Consellería de Medio Rural está desenvolvendo un plan de "posta en valor" da producción da castaña en Galicia que pretende a recuperación dunhas 30 mil hectáreas de soutos de castiñeiros en moitos casos abandonados ou comestos polas xestas e polas silveiras, que fan imposible a súa explotación económica.

O proxecto -remítome á información publicada neste mesmo xornal- contempla "desde a identificación e a caracterización dos bosques de castiñeiros, ata a implantación dun modelo de aproveitamento da castaña, de forma que a súa transformación se faga nas propias zonas productoras, mantendo sempre a propiedade dos terreos os seus donos actuais e procurando fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo para a súa xestión conxunta".

Tamén é casualidade, dixen para min, cando o lin, xa que logo, aparece ó mesmo tempo que, no marco colectivo das continuas reflexións que agora tocan arredor do que debemos facer para volver darlle vida ó medio rural, un amigo me acababa de reenviar un anuncio do Grupo Cuevas, publicado o día 31 de decembro no suplemento de fin de ano desta mesma cabeceira, no que cinco traballadores do propio grupo, exercendo de actores publicitarios nos convidaban a celebrarmos a chegada do ano novo, consumindo unhas lambetadas elaboradas sobre a base da castaña e acompañadas, estas, dunha mensaxe certamente evocativa que dicía "nos emocionan las castañas", xunto cun pequeno texto que paso a reproducir de forma literal por se naquel momento non o leu, tal e como me aconteceu a min.

Quen fala -neste caso, a través da escritura dun diario- é un galego-bonaerense de Celanova, que no ano 1954, di: "Un año después de llegar, recibimos castañas de allá por primera vez. Nos sentamos en la mesa de la cocina. Las íbamos pelando despacio para recibir todos los recuerdos de la tierra que traían dentro. Luego comíamos las castañas lentamente y en absoluto silencio para poder llorar sin interrumpirnos. No teníamos nada más que castañas y ganas de llorar".

Leo isto e tal coincidencia provócame dous sentimentos certamente contradictorios. O primeiro, de profunda admiración cara empresas coma o Grupo Cuevas, que souberon ler o futuro cando a inmensa maioría dos responsables da administración afirmaban por activa e por pasiva (hai constancias infinitas disto) que o noso futuro estaba escrito nun epitafio e, sen embargo, esas empresas, contra vento e marea, mantiveron firme a proa para poder colocar no mundo a sabia doce das entrañas da nosa terra. E o segundo, de profunda xenreira por termos perdido máis de tres décadas ata que esa mesma administración entendeu cara onde hai que colocar a proa se queremos evitar que aquel anunciado epitafio sexa definitivamente real.

Te puede interesar