Opinión

As mans da negra

Leo que un xornalista mediático deses que tratan de procurar o ángulo do politicamente correcto -é certo que dende a perspectiva do flower power no que todos os da nosa corda son seres anxelicales e os outros son pouco menos ca demos- afirmou que a "bruxa mala do conto" foi especialmente vilipendiada e apedreada pola sociedade civil por ser "muller e negra".

Leo isto e, do mesmo xeito que estou seguro de que a vostede tamén lle ten acontecido con este e con outros moitos casos especialmente mediáticos, xa sexan a nivel local, provincial, autonómico ou estatal , que sempre hai unha imaxe coa que o ha lembrar ó longo da súa vida (pense, se non, por exemplo, no 11 de setembro, no 11 de marzo, no día do seu casamento -ou no da súa separación-, ou cando lle naceu o primeiro fillo-), pensei eu nunha referencia á imaxe -de entre as moitas que ofreceron nas últimas semanas  os medios de comunicación arredor do tráxico episodio do alevoso asasinato do neno de Almería- e quedei con unha que, cando todos soubemos do indesexado desenlace do pobre corpo de Gabriel, me impactou especialmente e que onte mesmo reproduciu,na páxina 40 este mesmo xornal.

Se aínda o ten á man, recoméndolle encarecidamente que a consulte porque, independentemente de que sexa vista en imaxe estática ou en movemento, certamente ofrece un grao de impacto emocional que, cando menos, a min fíxome remexer as entrañas.

Son as mans negras da asasina. Mans estilizadas e finas, de branca palma e tez escura -de dúas faces contradictorias-, que acariñaban con pretendida calor humana e xélida sensibilidade hipócrita, a cara dolorida dun pai que buscaba respostas no infinito sen saber aínda que a solución definitiva estaba precisamente nesas mans sinistras que o acariñaban con actitude alevosamente cínica.

As mesmas mans, de branca palma e tez escura, que tan só uns días antes presionaran o pequeno nariz e os finos beizos da razón de ser dese pai pretendidamente amado, ata ver como se lle esvaía a vida sen facer a máis mínima fenda na súa mente calculadora e fría.

As mans da negra, de branca palma e tez escura, que non son mans asasinas por ser negras, senón por ser ferramentas incoloras dunha mente asasina.

Aínda agora, mentres escribo esta columna, volvo ollar para a fotografía e e non deixan de arrepiarme de novos esas mans que lle furtaron a vida ó neno, acariñando a face do seu pai.

Imaxino entón a sensación do pobre pai mutilado tratando de lavar con lixivia o veleno que esas mans asasinas lle inocularon de forma obscena en cada un dos poros das meixelas e a pena increméntaseme na alma porque sei que é unha sensación que o acompañará ó longo de toda a súa vida.

Te puede interesar