Opinión

Banco de tempo na ORA

Non lembro agora cando foi, nin tampouco o motivo, aínda que supoño que tivo relación coa adquisición pola miña banda dun ticket para bastante máis tempo do que o usei e cando fun retirar o coche da praza ocupada nunha rúa con servizo de ORA, decateime de que acababa de perder unha cantidade substancial de diñeiro en relación, loxicamente, coa cantidade consumida no estacionamento.

Escribía eu daquela, elevando á categoría xenérica o que me acababa de acontecer, que, se calquera usuario retira un ticket, poño por caso, para unha hora e, porque o lugar ó que fose o retrasou un pouco e chega con retraso, digamos de media hora, a retirar o vehículo, é moi posible que cando abra a porta do mesmo se tope co desgusto de que ten unha denuncia con ameaza de sanción pendurada do limpa cristais.

Pola contra, se un retira o ticket por dúas horas e logo a dilixencia que vai facer soamente lle ocupa unha hora, a intelixente (para o Concello) maquiniña expendedora resulta que, casualmente, non ten a opción de devolución do importe pagado pero non utilizado, polo que, se cando un abandona a praza chega outro vehículo e paga polo tempo que ten previsto estar -digamos, esa mesma hora- esa praza de estacionamento estará recadando dúas veces polo mesmo espazo de tempo.

Si, xa sei que son cantidades pequenas -calderilla, que se dicía antes-, pero, moitas cantidades pequechiñas, ó cabo do ano, seguro que suman un estipendio nada desdeñable para as arcas municipais e que de poderse calcular abofé que nos habían deixar cos ollos coma pratos.

Onte, sen embargo, houbo un veciño que me deu  -literalmente- a solución, cousa pola que lle quedei sumamente agradecido, non tanto polo aforro que me fixo, senón porque, a partir de xa eu farei exactamente o mesmo cada vez que teña ocasión.

Eran algo máis das oito da tarde cando estacionei na ORA da Praza Maior. Estaba rematando a manobra e preparando as moedas para ir cumprir coa miña obriga, cando o propietario do vehículo que estaba estacionado diante miña saíu do habitáculo e ofreceume o ticket que el xa non ía usar e que, tiña permiso ata algo máis das dez da mañá do día seguinte.

Como pode comprender, benquerido lector, recollín o boleto co agradecemento debido e depositeino no correspondente lugar, devolvendo as moedas que tiña previsto gastar ó peto.

Si, tamén sei que noutras moitas cidades que xa contan con maquiniñas máis modernas, agora é obrigatorio identificar a matrícula do coche, entre outros motivos, co fin de evitar este xeito de economía colaborativa ou banco de tempo que eu -¡vive deus!- comezarei a practicar de contado.

Te puede interesar