Opinión

Una bufanda independentista

O certo, agora que me poño a escribir, é que non sei se xa a tiña ou alguén lla regalou estes días de Nadal. Non llo preguntei porque din por suposto que formaba parte do seu fondo de armario, pero tan pronto lla vin enleada ó pescozo, exactamente igual que a colocan Puigdemont, non fun quen de reprimir a chanza e pregunteille se é que de súpeto o tránsito pola noite vella e entrada no ano novo, a converteran de súpeto en defensora do "procés".

Non ten ningunha relación con Cataluña, a non ser que dende que era nena, unha tía súa vive no Eixample barcelonés e montou alí familia que, polo que eu sei, "pasan" abondo da política en xeral e moito máis do desvarío no que esta se ten convertido naquela Comunidade ou naquel país, como é que lle queiran chamar.

O máis que ten é relación por vía paterna con Cantabria, de onde é e onde reside seu pai, e un xeito de pensar sobre o asunto, que dista moito da barafunda independentista catalá.

En todo caso, como dixen denantes, non fun quen de reprimir a miña reacción e termou estoicamente da gracia, que sei, debo dicir de paso, que xa lle fixeron algunhas persoas do noso círculo de amizades e mesmo algún que outro veciño co que se ten cruzado pola rúa, pois, xa se sabe, "pobos pequenos..."

É certo que ela non se amola por iso e camiña polas rúas da nosa vila coa mesma seriedade que o fai o mesiánico "exhonorable president" polas rúas de Waterloo ou polos distintos escenarios polos que se move para que o "mundo mundial" saiba que aínda non desapareceu comesto polo sulfuro do tempo.

Non me crerá, pero xúrolle e perxúrolle que nin que lla mandaran por "euroexpress" dende unha das sedes de Omnium ou da ANC, a bufanda coa que estes días de xeada e frío intenso abriga a gorxa a miña muller (hoxe case debería escribir "a muller coa que comparto a miña vida", non vaia ser...) é talmente unha bufanda amarela que non lle desmerece en nada ás bufandas independentistas coas que tódolos días unha manchea de cataláns que as utilizan nos están dicindo ó resto de mortais que polo de agora compartimos este territorio que seica aínda se chama España, que -disimúleme o exhabrupto- "vaiamos pr’o carallo", que non queren absolutamente nada con nós porque levamos décadas roubándolles o fardelo, xa sexa para pagar as peonadas andaluzas, xa para sufragarnos o luxo do AVE ós "galleguiños" ou para que os asturianos continúen vendendo un carabón obsoleto que só serve para contaxiarlle a silicose ós poucos mineiros que quedan.

En fin, que para denunciar ó mundo todo isto é para o que colocan eses cataláns os seus laciños marelos e as súas bufandiñas. Para iso e para que nos sirvan de motivo de chanza cando alguén, por simple moda ou por que considera que lle campa ben, se e lle ocorre tapar o frío con ela. Que é para o que deberían ser.

Te puede interesar