Opinión

Camiño da elite

Había tempo que non ía ó "Paco Paz" -nin a ningunha outra cousa, nin ó baloncesto-, pero xa se sabe que os seres humanos somos moito de cumprirmos relixiosamente, sen sermos moi conscientes de por qué, con ese vello adaxio de darlle resposta rimada á pregunta de, a onde vai Vicente? ... Pois, a onde vai a xente.

E foi, baixo esa sesuda premisa intelectual, baixo a que nantronte decidín fuxir do barullo electoral para mergullarme no perenne ritual de masas e de retroalimentación colectiva que supón formar parte dunha tribo animando ós líderes que nos representan fronte a outros, neste caso a través do baloncesto.

Como digo, había tempo que non me caía polo "Paco Paz" e certamente agradecín sentirme parte novamente da "tribo" e deixeime levar polos medos e os desexos, polas euforias e as decepcións momentáneas que ía provocando en nós a entrada ou non do balón na canastra.

E cómo o meu hábito para seguir algúns dos pormenores do xogo non está, loxicamente, axeitadamente exercitado, entre uns pasos non pitados, unha persoal non vista e algún que outro ensarillado entre defensas e atacantes dun e doutro equipo, déuseme por cavilar no reto de futuro ó que, fóra das paredes do Pazo, estaba sendo sometida a cidade de ourense, así como sobre os proxectos político-sociais que deberían facer que nos próximos anos a capital da provincia -e con ela, o resto da nosa xeografía- acaden nalgún caso cotas verdadeiramente de elite.

Pensei, por exemplo, no termalismo e no potencial de internacionalización que este sector pode ter se -agora si- se empezan a dar os pasos que se tiñan que ter dado hai moitos anos. e pensando niso, entre enxordecedoras bucina e bucina, entre silbato e silbato e algún esgutío, iso si, educado (que ata nisto o baloncesto lle gaña ó fútbol), cheguei á conclusión de que unha cidade, se quere estar na vangarda dos seus potenciais endóxenos, tamén precisa de expresións sociais -ou neste caso, deportivas- que poidan xogaren na elite.

Por iso, porque animicamente o necesitamos, estou seguro de que o próximo martes volveremos ó Pazo Paco Paz. Para iniciar o camiño da elite.

Te puede interesar