Opinión

Campións de dominó

Debe ir xa pola enésima vez -que é un número indeterminado- que me repito, cousa que non deixarei de facer ata que alguén con mando en praza se pronuncie seriamente sobre isto e colla o nabo polas follas para tratar de procurar unha solución definitiva.

Ó fío do gravísimo problema demográfico que padecemos dun xeito moi especial na provincia de Ourense e que este mesmo xornal analizou con profundidade no exemplar de hoxe -onte, para vostede-, dáme a min por insistir de vez en que, xunto con outras iniciativas que o xornal propuña no ámbito da lexislación de privilexios fiscais dos que gozou case eternamente ata a súa desaparición o Couto Mixto, do ofrecemento de vivendas restauradas, da reorganización municipal e doutras moitas medidas de sobras coñecidas e non aplicadas, o medio rural ourensán non se recuperará xamais en canto a administración autonómica, en coordinación coa administración provincial e os concellos galegos na súa totalidade, non se programen para reorganizar o sistema de transporte público galego global e deixen de faceren brincadeiras coas concesións actuais, coas licencias rendibles e non rendibles, coas convivencias cos escolares, etc., etc.

Non hai que ser un "Princesa de Asturias" en xeografía, nin un máster en demografía para saber que, igual que as teas de araña se sosteñen en equilibrio por unha coordinación de forzas e resistencias de configuración radial, o sistema de transporte nunha trama social coma a galega debe seguir tamén un desenvolvemento do local ó central dun xeito radial moi semellante, precisamente ós das teas de araña.

A saber, se a célula poboacional elemental é a aldea e un conxunto de aldeas conforman unha parroquia, un conxunto de parroquias conforman un municipio, un conxunto de municipios conforman unha comarca e un conxunto de comarcas conforman unha provincia, é evidente que para que a xente poida vivir e traballar nalgún dos puntos desa rede, esa rede ten que contar cun sistema de comunicación pública axeitadamente coordinada, tanto cos actuais -aínda que mellorados- sistemas de transporte de servizo discrecional, como -e aí ven a miña teima- cunha completa rede municipal de taxis cos que máis ou menos contan a práctica totalidade dos concellos da provincia.

Como todos ben sabemos, o servizo de taxi, aínda que sexa un negocio de carácter privado está sostido nunha licencia de carácter público, polo que, por máis que lle dou voltas á cabeza non dou entendido por que a administración local non ten logrado abordar a reorganización deste servizo dende unha perspectiva xeral, promovendo que os “rural-taxis” se convertan nun xeito de transporte dinámico que comunique de forma radial as parroquias coas capitalidades dos concellos e estes coa capitalidade comarcal, deixando de seren fábricas de campións de dominó no bar da esquina.

Te puede interesar