Opinión

Cara onde vai a política?

Leo, por aquí e por acolá, información relacionadas coa política e agora exponencialmente amplificadas polo distorsionador de voz da maquinaria electoral e por máis que lle poña intención e esforzo, non dou entendido cara onde vai.

Voulle poñer algúns exemplos de máxima actualidade, tanto do ámbito da política local como da máis ardente política nacional e, aínda que o que vou dicir agora non deixa de ser un pouco temerario -porque cada quen é da súa casa e dende a xanela da súa casa ve o mundo ó seu xeito e non ó xeito dos demais-, pero cre que coincidirá comigo no substancial.

Resulta que dende que estalou a crise e o sistema de valores que nos fomos dando por medio da Transición, ademais das preocupacións da sociedade en xeral, mudaron dun xeito radical, houbo un tempo no que a xente toda comezou a poñer en solfa o sistema de partidos políticos actuais (sistema do que eu nin moito menos son un defensor a ultranza) porque dicían que a clase política -a "casta"- eran coma seres extraterrestres que logo de entraren nas sectas orgánicas dos mesmos, cando lles chegaba a hora comezaban a gobernar para eles -mellor dito, para o seu beneficio- esquecéndose completamente da sociedade que cos seus votos os colocara á fronte das institucións.

É dicir, o que máis se comezou a reclamar, a raíz das "acampadas" da Porta do Sol, do xurdimento das mareas profesionais e dos movementos asemblearios como Podemos, foi que había que conseguir devolverlle as institucións á sociedade e de aí que tiveran lugar algunhas iniciativas simbólicas certamente discutibles, coma os escraches a algúns políticos, e outras máis románticas, como a toma por abrazo do Congreso e outras máis. Sen embargo, agora proponse que os deputados, parlamentarios, etc., sexan seres "arios" sen a máis mínima relación (ou contaminación?) social... Definitivamente, non o entendo.

Do mesmo xeito que non entendo cómo toda unha cúpula dirixente dunha formación política que non é capaz de formar unha candidatura nun concello ou nuns concellos determinados, pretenden dar un golpe de efecto mediático para denunciar non sei que tipo de confabulación caciquil cósmica por medio da cal os veciños dese e doutros concellos non queren participar como candidatos e, para facer esa denuncia, nin sequera informan a aquela persoa que nos últimos anos resistiu ela soa o peso das súas siglas fronte a esa poboación presuntamente catequizada ou, mellor se cadra, caciquizada?

Definitivamente, por máis que o intento, non son quen de -entre tanta contradicción- albiscar cara onde vai iso que algunha vez se chamou a arte de facer política.

Te puede interesar