Opinión

Carlos, Cristina, Carlos

Di, Cristina Pato, que aínda que agora non consiga ningún dos dous premios ós que opta, o verdadeiro galardón xa lle foi concedido co simple nomeamento do seu traballo musical ós prestixiosos premios Grammy.


Supoño que xa o terá lido, pois foi recollido estes últimos días por tódolos medios de comunicación galegos. Entre outras cousas, porque non é moi habitual que un músico  -dígoo en xenérico- galego teña opción de conseguir un recoñecemento equivalente na música ó que significan os Oscar no cine.


E é certo que non é moi habitual que isto aconteza. Non en van, tan só Carlos Núñez o tiña no seu peto. No seu caso alá polo ano 1997, acompañando ós Chieftains. A quen lle seguiu, hai tan só dous anos, outro Carlos (ben menos coñecido para o público galego, porque ademais de ser moi novo é residente neoyorkino) que se apelida Cid e que está a iniciar unha meteórica carreira musical niso que se dá en chamar música electrónica.
Eles xa o conseguiron. Agora só queda que Cristina acabe consolidando algunha das dúas denominacións e se faga tamén cun deles. Entón xa teremos un trío perfecto (Carlos, Cristina, Carlos) de galegos que por dereito propio e en compañía de outros -porque a música non é un exercicio solitario- contan con cadeira de excepción no Olimpo universal da música.


Tres galegos que poderían seren, un de Ribadeo, outro de Tomiño e a terceira de Ponteceso, por poñer tres puntos extremos da xeografía galega. Pero non. A vida, que é así de caprichosa, quixo que os tres teñan fondas raíces noutros tantos puntos cardinais de Ourense. E eu, que son un pouco teimudo e trato de arrimar sempre a brasa á miña sardiña –evitando, iso si, que a sardiña se me queime- teño a gallardía de escribir hoxe esta columna cunha especial fachenda porque aínda por riba -e así o levan a gala os tres- todos eles teñen grande parte da súa torgueira chantada, non xa en Ourense senón nas Terras de Celanova.


O primeiro deles no casal románico e señorial da Mezquita da Merca, de onde o seu bisavó partiu un día para divulgar a música galega no Brasil, o segundo na propia capitalidade da comarca, de onde son seu pai e súa nai por máis que leven toda a vida residindo en Nueva York e a terceira nunha desaparecida tenda do Capelo de Berredo (A Bola) que rexentaba con habelencia seu avó materno.


Sempre me din que son un coma o chumbo con estas cousas. Pero, qué lle quere! A verdade é a que é, como pode comprender, eu non vou mover un dedo para terxiversala.

Te puede interesar